HomeNewsActualidadeTui dá a benvida ao novo curso escolar cos centros educativos a...

Tui dá a benvida ao novo curso escolar cos centros educativos a punto

Máis de 2.100 alumnos e alumnas volveron este mércores ás aulas en Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato en Tui. 

Dende o Concello de Tui ao longo das últimas semanas, aproveitando as vacacións estivais, executáronse obras de mantemento e posta a punto dos centros escolares de Infantil e Primaria. A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, destaca “os traballos realizados, con fondos propios, en todos os centros educativos do municipio, tiñan por obxectivo que estivesen listos para este inicio do novo curso”. 

Unha das obras executadas foi a reforma do comedor escolar no CEIP de Rebordáns con traballos de fontanería, albanelería, electricidade, pintura,… Amais instalouse falso teito con luminarias, tarima vinílica, mosquiteiras, módulos para cocina con billa a pedal e fregadeiro, e armario. 

“Ao longo dos últimos anos”, destaca Sonsoles Vicente, “executáronse con fondos propios, os comedores escolares en todos os colexios, dando resposta así á necesidade das familias tanto do centro urbano coma das parroquias”. Actualmente todos os centros públicos de Primaria do municipio contan co servizo de comedor escolar. 

Por outra parte no CEIP de Caldelas leváronse a cabo obras de mantemento coa reparación da beirarrúa na zona do comedor, arranxouse un columpio e colocouse unha pasarela de madeira. No CEIP de Randufe a actuación realizada consistiu no pintado e melloras no exterior do centro. 

Nas instalacións do CEIP nº2 realizáronse arranxos de electricidade e fontanería, reparación de canalóns, portas e ventás de aluminio. No CEIP nº1 pintáronse dúas aulas, e adecuouse un baño para persoas con discapacidade funcional. Tamén se actuou na aula de Areas do CRA Mestra Clara Torres coa reparación do tellado. 

Por outra parte no CEIP de Pazos de Reis mellorouse todo o pechamento posterior, e leváronse a cabo outros arranxos tanto no patio coma no interior. 

Con respecto a este centro educativo a concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, sinala que “tan só nos queda a tan ansiada obra de reforma integral do CEIP de Pazos de Reis”, engadindo que “todos e todas esperamos que a Xunta cumpra co prometido, hai xa moitos anos”. Sonsoles Vicente urxe esta actuación explicando que mellora deste centro “non é un capricho, é unha obriga á que dende as administracións debemos dar resposta axiña e no demorar máis esas obras tan demandadas e tan necesarias para que o ensino publico, tamén no rural, sexa un exemplo de igualdade de condicións e de fomentar a revitalización do rural.

Amais de actuacións concretas en todos os centros educativos, ante o inicio dun novo escolar, adecuáronse os patios escolares, e neste mes de setembro procederase á realización de tarefas de mantemento e conservacións das canalóns das cubertas, para que estean en óptimas condicións de cara ao outono-inverno.

Tamén dende a concellería de Ensino, Cultura e Mocidade, realizáronse arranxos nas instalacións do Conservatorio Municipal.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS