HomeNewsActualidadeTodo a punto para a "volta ao cole" en Salceda de Caselas

Todo a punto para a “volta ao cole” en Salceda de Caselas

O Concello de Salceda de Caselas “ten todo preparado” para o inicio do novo curso escolar nos diferentes centros educativos do municipio. Aproveitando o período estival e o parón lectivo, levouse a cabo un completo plan de mantemento, mellora e acondicionamento das instalacións co obxectivo de garantir un ámbito seguro, confortable e adaptado ás necesidades das nenas e nenos.

A alcaldesa, Loli Castiñeira, destacou que “o traballo en equipo das diferentes administracións e o diálogo constante cos equipos directivos dos diferentes centros teñen como resultado a mellora das instalacións públicas de ensino sempre en beneficio da nosa infancia.”

Entre as actuacións máis salientables realizadas ao longo do verán, destaca a intervención no edificio da Escola Infantil A Galiña Azul, onde se executaron traballos de mellora no tellado, así como a impermeabilización e o reforzo da seguridade da pedra exterior que recubre o inmoble. Ademais, no ámbito dos espazos exteriores e de xogo, levouse a cabo a instalación de chan de caucho en zonas que anteriormente eran de baldosa e no recubrimento de arquetas, o que permitiu eliminar elementos de risco e gañar máis zonas axardinadas e de lecer protexidas para a cativada. O investimento nestas obras foi de 24.128,6 € a cargo do Consorcio de Benestar da Xunta de Galicia.

Tamén no CRA Raíña Aragonta se levaron a cabo diferentes obras de mellora por parte do Concello como pintado, renovación de areeiros, revisión e posta a punto dos columpios, etc, tanto na sede como nas aulas das diferentes parroquias.

No último mes executáronse obras de mellora na accesibilidade á zona do pavillón, que dá servizo tamén ao alumnado do CEP Altamira que emprega transporte escolar, así como ao que fai uso do comedor escolar. Neste caso, o Concello conseguiu unha financiación de 57.736,95 € con cargo ao Plan Máis Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra.

Tamén no patio do CEP Altamira se realizaron obras de mellora da accesibilidade, cofinanciadas entre o propio colexio cos fondos da Xunta de Galicia e o concello de Salceda.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS