HomeNewsActualidadeGalicia Suroeste presenta este venres o seu Club de produto con actividades...

Galicia Suroeste presenta este venres o seu Club de produto con actividades conxuntas para empresas e prazas limitadas

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste presentará este venres, 26 de xuño, o Club de produto Galicia Suroeste, unha nova ferramenta de cooperación territorial orientada a artellar unha oferta turística integrada, diferencial e vinculada á identidade produtiva local. O acto terá lugar a partir das 19:30 horas nos viñedos Altos de Torona.

O encontro permitirá dar a coñecer o resultado dun proceso de traballo participativo no que tomaron parte empresas e axentes do territorio, e co que se avanzou na definición do modelo de funcionamento, adhesión e gobernanza do Club. Tras esta fase de deseño, o Club de produto Galicia Suroeste inicia agora a súa andadura real coa apertura do proceso de captación de empresas interesadas en adherirse.

O acto servirá para presentar e explicar as principais claves do Club, o seu regulamento, as tipoloxías de empresas que poderán formar parte da iniciativa, os requisitos de pertenza e o procedemento que deberán seguir as entidades interesadas en solicitar a súa adhesión. O obxectivo é ofrecer ás empresas unha visión clara do funcionamento do Club e das oportunidades que pode xerar como instrumento de promoción, cooperación e dinamización turística.

Durante a xornada haberá tamén un espazo para favorecer o contacto directo entre empresas do territorio. Por este motivo, a partir das 21:00 horas terá lugar unha acción de traballo en rede, nun formato próximo e informal, que permitirá ás persoas participantes manter reunións breves, identificar posibles sinerxías e explorar novas vías de colaboración empresarial.

Para facilitar a organización destes encontros, habilitouse unha aplicación web específica desde a que as empresas poden confirmar a súa asistencia, consultar que outras entidades estarán presentes e xestionar a súa propia axenda de reunións bilaterais. As prazas están limitadas a 50 empresas e a inscrición pode realizarse a través da ligazón https://networking.galiciasuroeste.gal/.

O Club de produto Galicia Suroeste nace coa vontade de “reforzar a conexión entre turismo, produción local, artesanía, paisaxe e identidade territorial, contribuíndo a consolidar un destino máis sostible, colaborativo e enraizado nos recursos propios”. A iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e liderado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS