A Caniza celebrou o pasado venres o concerto de fin de curso da Escola de Música da Caniza, unha cita na que os alumnos e alumnas tiveron a oportunidade de interpretar ante o público algunhas das pezas traballadas durante o curso escolar.
Antes do inicio do concerto tivo lugar a sinatura da renovación do convenio de colaboración entre o Concello da Caniza e a Escola de Música. O acto contou coa participación do alcalde, Luis Piña, e do director da Escola de Música, Alexandre Cabanelas, que formalizaron este acordo para garantir a continuidade deste proxecto educativo e cultural.
A renovación e actualización do convenio fora aprobada previamente polo Pleno municipal na súa sesión ordinaria celebrada o pasado 29 de maio. O acordo permite prorrogar a colaboración entre ambas entidades unha vez finalizado o período inicial de vixencia do convenio, que remata o vindeiro 15 de setembro de 2026. Ademais, actualiza o seu contido para adaptalo á realidade actual da escola e aos cambios organizativos producidos nos últimos anos.
Tras a sinatura, o alcalde felicitou ao alumnado, ao profesorado e á dirección da Escola de Música polo “traballo desenvolvido ao longo do curso”. Na súa intervención destacou a “importante labor formativa, cultural e social que realiza a entidade, contribuíndo a achegar a música ás novas xeracións e fomentando valores como o esforzo, a constancia, e disciplina!. Así mesmo, reiterou o compromiso do Concello coa Escola de Música e coas iniciativas que contribúen ao enriquecemento cultural da vila.
Pola súa banda, o director da Escola de Música, Alexandre Cabanelas, agradeceu ao alcalde e ao Concello toda a colaboración e o apoio prestados durante o último ano.
O Director lembrou que xa está aberto o prazo para realizar reservas de praza e formalizar as matrículas para o vindeiro curso, convidando a todas aquelas persoas interesadas en iniciarse ou continuar a súa formación musical a achegarse á Escola de Música para recibir información sobre os distintos programas educativos dispoñibles.

