HomeNewsActualidadeVíctor de Aldama evita o cárcere tras colaborar coa Xustiza no caso...

Víctor de Aldama evita o cárcere tras colaborar coa Xustiza no caso das máscaras

O Tribunal Supremo condénao a catro anos e medio de prisión, pero suspende a pena tras valorar a súa "información veraz e relevante" para incriminar a outros implicados na trama

Víctor de Aldama non pisará o cárcere. O Tribunal Supremo vén de ditar sentenza polo chamado “caso das máscaras”, impoñendo ao empresario unha condena de catro anos e medio de prisión por organización criminal e suborno. Con todo, a Sala acordou suspender a execución da pena durante cinco anos, premiando así a “colaboración plena e continua” que Aldama mantivo ao longo de todo o proceso xudicial.

O fallo do máis alto tribunal envía unha mensaxe clara para futuras causas de corrupción: a cooperación real pode salvar da prisión, mesmo en delitos cometidos dentro de organizacións criminais complexas. A resolución destaca que Aldama non se limitou a confesar os feitos, senón que achegou documentación crucial —incluíndo probas sobre a súa relación co exministro José Luis Ábalos—, así como datos significativos que axudaron a esclarecer outros delitos e a incriminar a máis participantes na trama.

“Espero que os que veñen detrás colaboren”

Tras coñecer a sentenza, o propio Aldama amosouse “satisfeito” nas portas do Supremo e lanzou un aviso a outros investigados en causas pendentes: “Espero que, con esta sentenza, os que veñen detrás colaboren”.

O Tribunal subliña que, malia a gravidade dos feitos —participación nunha trama de “corrupción orgánica, organizada e continuada desde as máis altas instancias do poder político”—, o Estado de dereito debe recompensar aquelas actitudes procesais que faciliten a depuración de conductas que lesionan o sistema democrático. Segundo a Sala, só quen forma parte do entramado delictivo pode achegar os detalles necesarios para identificar a todos os responsables.

Condicións para a liberdade

A suspensión da pena non é incondicional. Para evitar o ingreso en prisión, o empresario deberá cumprir estrictamente unha serie de requisitos durante os próximos cinco anos:

  • Non cometer ningún novo delito.
  • Comparecer cada seis meses ante o Supremo para informar das súas actividades laborais e mercantís.
  • Realizar un ano de traballos en beneficio da comunidade, unha medida que o Tribunal considera de “significativa carga simbólica” pola súa responsabilidade en actos de corrupción contra autoridades.

Mentres que outros implicados no caso, como o exministro Ábalos —condenado a 24 anos— ou Koldo García —19 anos—, enfróntanse a penas privativas de liberdade, a situación de Aldama marca un precedente. Ademais, a sentenza advirte que a súa colaboración non remata aquí, xa que o empresario continúa prestando axuda en outras investigacións xudiciais abertas en distintos xulgados, unha información que podería ser clave noutras causas de corrupción que afectan a cargos socialistas.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS