A activista iraniana Narges Mohammadi, galardoada co Premio Nobel da Paz en 2023, foi trasladada este domingo desde a prisión a un centro hospitalario de Teherán. O movemento prodúcese tras un alarmante empeoramento do seu estado de saúde, que obrigou ás autoridades de Irán a conceder unha suspensión da condena baixo unha elevada fianza.
Segundo informou a Fundación Narges Mohammadi e recolle a BBC, a defensora dos dereitos das mulleres atópase no Hospital Tehran Pars. Mohammadi, que leva case 20 anos entrando e saíndo de prisións, perdeu 20 quilos nos últimos catro meses e precisa de osíxeno para poder respirar.
Un historial de abusos e resistencia
A traxectoria de Mohammadi está marcada por unha represión constante: foi arrestada máis de 14 veces e condenada a un total de 31 anos de cárcere e 154 lategazos. Malia as denuncias da súa familia e de organizacións internacionais sobre torturas e golpes por negarse a levar o velo nos interrogatorios, a activista mantivo o seu desafío ao sistema teocrático iraniano.
Nas últimas semanas, a súa situación médica tornouse crítica. Antes do seu ingreso en Teherán, a premio Nobel pasou dez días na unidade de coidados intensivos dun hospital en Zanjan tras sufrir un presunto ataque cardíaco.
Unha vida marcada polo activismo político
Nada en Zanjan en 1972, Mohammadi comezou a súa actividade política na universidade mentres estudaba Física. Casada co tamén activista Taghi Rahmani, a parella sufriu a separación dos seus fillos xemelgos, Kiana e Ali, que hoxe teñen 17 anos e viven exiliados en Europa desde que tiñan oito.
O seu compromiso coas liberdades levouna a ocupar a vicepresidencia do Centro de Defensores dos Dereitos Humanos (DHRC). Desde alí, e mesmo desde dentro da prisión de Evin, denunciou episodios como a morte de Mahsa Amini en 2022, que cualificou como un exemplo da “opresión do goberno relixioso contra as mulleres”.
O simbolismo dunha cadeira baleira
O pasado 10 de decembro de 2023, a medalla do seu Nobel da Paz foi recollida polos seus fillos en Oslo e colocada sobre unha cadeira baleira. Narges Mohammadi é unha das dúas únicas mulleres iranianas que recibiu esta distinción, xunto coa súa colaboradora Shirin Ebadi.
Malia as graves secuelas físicas e as advertencias do seu irmán Hamdireza —quen sospeita que o réxime busca “desfacerse” dos activistas—, as imaxes de Mohammadi en liberdade temporal sempre a amosaron cantando e bailando canda outras mulleres que reclaman xustiza, converténdose nun símbolo mundial de resistencia.

