martes, diciembre 9, 2025
InicioNewsA Xunta aproba a modificación da Lei de saúde para reforzar a...

A Xunta aproba a modificación da Lei de saúde para reforzar a protección do persoal sanitario fronte ás agresións

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o proxecto de Lei de modificación da Lei de saúde de Galicia, que suporá a posta en marcha de novas medidas para reforzar a protección dos traballadores da sanidade pública e privada ante calquera agresión. “A Xunta terá tolerancia cero coas condutas violentas que poñan en risco a integración do persoal nos centros sanitarios”, indicou.

“Queremos poñer os medios e recursos para previr e atallar todo acto violento contra as persoas que coidan e velan pola nosa saúde”, engadiu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen lembrou que para iso é preciso adaptar a actual normativa -do ano 2008- á realidade actual.

Entre as principais novidades, segundo explicou Rueda, está que “Galicia se converterá na primeira comunidade en considerar sancións por agredir técnicos de emerxencias ou do 061”. Así se comprometera a Consellería de Sanidade ante as asociacións que representan a estes traballadores, que teñen un alto nivel de exposición ao risco de agresións.

Ademais, a definición de profesional de ámbito sanitario tamén se amplía a persoal con outras funcións como a inspección de servizos sanitarios ou persoal das áreas de admisión e administración dos centros sanitarios.

Violencia dixital

Como resposta a novas formas de violencia, Rueda resaltou que a futura lei incluirá a violencia dixital exercida por pacientes, familiares ou acompañantes contra profesionais da sanidade, ademais da violencia física e verbal. O concepto esténdese para aplicarse a agresións fóra dos recintos sanitarios con ocasión das funcións dos seus profesionais e non só durante o seu propio exercicio.

Dentro dos deberes da cidadanía, ademais do xenérico deber de respecto ao persoal que presta os seus servizos no sistema de saúde de Galicia, incorpórase o deber de respecto da súa honra e prestixio profesional. En correlación con ese deber, establécese o seu incumprimento como infracción sanitaria.

A reforma da Lei de saúde inclúe a modificación do capítulo de infraccións e sancións para dar un tratamento específico e distinto para as agresións e demais actitudes violentas, de xeito que se individualicen, tipifiquen e sancionen de maneira individualizada e singularizada de acordo coa súa gravidade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS