O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello ratificou a resolución adoptada pola Asesoría Xurídica de presentar dous recursos contencioso-administrativos diante do Tribunal Supremo fronte aos dous reais decretos aprobados este verán polo Goberno central, os cales regulan os traslados obrigatorios de menores migrantes non acompañados e a capacidade ordinaria de acollida das comunidades autónomas.
Trátase das dúas normas que desenvolven o Real decreto lei 2/2025, do 18 de marzo, a través do cal o Executivo central impuxo unha distribución de menores chegados a Canarias, Ceuta e Melilla entre as distintas comunidades e dos cales máis de 300 virán a Galicia.
Tal e como lembrou Rueda, Galicia, xunto con “outras dez comunidades autónomas”, xa recorreu previamente ao Tribunal Constitucional contra o devandito real decreto lei do pasado mes de marzo, ao entender que invade competencias autonómicas, xa que o sistema de protección á infancia, como ditaminou o Consello Consultivo, é unha competencia exclusiva das autonomías.
Segundo explican desde a administración autonómica, «a Xunta actúa con coherencia e os recursos presentados agora no Tribunal Supremo teñen a mesma argumentación, ao considerar que os decretos que desenvolven a Lei de marzo arrastran os mesmos vicios de inconstitucionalidade«.
Así mesmo, a Xunta denuncia «que no que levamos de ano o Goberno central aínda non achegou financiamento ningún para o acollemento destes menores».

