HomeNewsActualidadeSalceda incrementa a recadación ás grandes empresas para destinalo aos colectivos sociais

Salceda incrementa a recadación ás grandes empresas para destinalo aos colectivos sociais

O Pleno do Concello de Salceda de Caselas aprobou a proposta do equipo de goberno para modificar a ordenanza reguladora do IAE, o imposto que grava ás empresas que facturan máis dun millón de euros ao ano. A proposta foi aprobada cos votos a favor dos grupos de goberno (MS e PSOE) e do BNG, mentres que o PP votou en contra. O concelleiro de facenda, Alex Rodríguez, lembrou que se trata dun imposto que non afecta ás pequenas empresas nin ás persoas autónomas da vila, senon que se refire exclusivamente a grandes empresas.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, indicou que “con esta proposta de modificación continuamos na senda da procura da xustiza fiscal, facendo que quen máis ten sexa quen máis contribúa, e aplicando bonificacións para as persoas e colectivos máis vulnerables”. 

O goberno anunciou que o aumento da recadación, que chegará aos 200.000 euros, será aplicado en grande parte a incrementar as subvencións do tecido asociativo dos diferentes eidos: cultural, deportivo, social, educativo, etc. 

Na modificación da ordenanza, ademais de revisar a redacción de diferentes artigos, establécense tres coeficientes de situación. Ata o de agora a cota era igual para todas as empresas, independentemente da súa ubicación. Agora establécense tres categorías fiscais: Centro urbano, incluíndo o núcleo urbano consolidado, coa maior concentración de actividades comerciais, terciarias, administrativas e de servizos, así como as áreas residenciais. As grandes empresas ubicadas nesta zona terán un coeficiente corrector de 3,50.

Outra área, é a zona industrial do Cerquido, onde se concentra a actividade industrial do noso Concello, con características funcionais e económicas diferenciadas do resto do municipio, e que ademais contan con todos os servizos. Nesta área aplícase un coeficiente do 2,40, igualándoo deste xeito coas empresas veciñas do Concello do Porriño.

Por último, o resto de empresas situadas nas parroquias de Salceda contarán cun coeficiente do 1,30, “nunha clara mostra do apoio ao emprendemento dende o rural”, segundo asegura o goberno municipal.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS