sábado, diciembre 7, 2024
InicioA terraA nosa culturaO pintor Mario Rodríguez doa a Tomiño a súa obra "Paisaxe da...

O pintor Mario Rodríguez doa a Tomiño a súa obra «Paisaxe da Forcadela»

Ademais da doazón, o pintor tomiñés cede temporalmente nove pezas emblemáticas da súa obra

A historia, a arte e a cultura de Tomiño gañan un novo tesouro. O Concello ven de asinar o convenio para a doazón permanente da obra ‘Paisaxe de Forcadela’ e a cesión temporal doutras nove pezas emblemáticas de Mario Rodríguez.

Este trátase dun acordo que marca un fito na conservación e difusión da obra do pintor tomiñés e que permitirá que a veciñanza teña a oportunidade de contemplar parte do legado dun dos artistas máis representativos da memoria histórica e cultural tomiñesa.

“A arte de Mario Rodríguez é unha ponte entre o pasado e o presente, unha testemuña viva da nosa historia e da nosa identidade. Contar coas súas obras no Concello é un orgullo inmenso e un recoñecemento ao traballo dun home que viviu en primeira persoa os momentos máis duros da historia sen deixar de ser un faro de creatividade”, salienta a alcaldesa da localidade, Sandra González.

A rexedora asinou estes días o convenio de colaboración con Rubén Muñoz Alonso como representante de María Luisa Fernández Rodríguez, a propietaria das obras.

A través deste acordo, o lenzo «Paisaxe de Forcadela» formará parte do patrimonio cultural tomiñés de maneira permanente.

O convenio para a obtención das obras aprobouse no pleno municipal

Por outro lado e xunto a esta peza, o Concello recibe a cesión por un período de cinco anos doutras nove obras que reflicten diferentes etapas e temáticas da traxectoria de Mario Rodríguez: ‘Pintor traballando (Mario)’, de 1977; ‘Santuario de San Campio (Figueiró)’ e ‘Concelleiros mallando na oposición’, de 1979; ‘Xirasoles II’, de 1989; ‘Eido da miña avoa’, de 1991; ‘Homenaxe a Vincent Van Gogh’, de 1997; ‘Outeiro de Figueiró’, de 1998; ‘Portada libro Periferias de Carlos Quiroga’, de 1999; e, o máis recente, ‘O meu soño’, pintado en 2005.

Con este convenio, impulsado en pleno polo grupo municipal do PSdeG-PSOE, o Concello sufragará os gastos de restauración e conservación destas obras, garantindo o seu coidado e traballando para que poidan ser desfrutadas pola veciñanza.

“Estas pezas enriquecen o noso patrimonio artístico e ofrecen unha oportunidade única para achegar a figura de Mario Rodríguez ás novas xeracións, consolidando a súa pegada na nosa cultura”, resalta Sandra González.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS