domingo, mayo 19, 2024
InicioA terraA nosa culturaAilá de Nadal, o disco folk en galego para ambientar as festas

Ailá de Nadal, o disco folk en galego para ambientar as festas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe o disco, Ailá de Nadal, composto por oito temas tradicionais cos que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e o grupo folk galego queren animar os comercios e familias a ambientar e celebrar as festas en lingua galega. O disco completo pode escoitarse no Portal da Lingua Galega.

«Por primeira vez un disco con cancións de Nadal en lingua galega da man do grupo Ailá para contribuír a divulgar e dar a coñecer o rico patrimonio galego da tradición oral destas datas” explicou o secretario xeral.

De igual xeito, García presentou tamén a programación da XI edición de Nadal en Rede, o programa de dinamización lingüística impulsado pola Xunta de Galicia que achegará durante as festas seis propostas de ocio en galego a 41 concellos e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística.

O titular de Política Lingüística, que estivo acompañado dos representantes das compañías artísticas participantes, explicou que nesta edición “hai cabida tanto para espectáculos dirixidos á cativada e as súas familias como para un público adulto”, xa que o importante “é que todo o mundo poida desfrutar de actividades en lingua galega durante estas festas”.

Actividades en 41 concellos galegos

En canto ás actividades, Nadal en Rede ofrece seis propostas distintas que van desde o teatro á música pasando polos monicreques ou as contadas. A primeira cita será o venres 1 de decembro no Centro Cultural Manuel Lamazares, en Rodeiro, co espectáculo teatral A viaxe feliz de Ramón San Fiz, da compañía Fantoches Baj. Baseada no libro Galicia, de Francisco Fernández del Riego, esta peza teatral para público familiar e adulto visitará posteriormente os concellos de Boborás, Moaña, Xermade, Vila de Cruces, Santa Comba, Mondoñedo, Cariño, Fene e Bóveda.

Outras proposta para público infantil e familiar son Palabras, de Baobab Teatro, que a través da música, os xogos e as historias tradicionais chegará da man de Nadal en Rede aos concellos de Padrón, Mos, Sanxenxo, Pobra de Trives, Cee, O Corgo, Monterroso e Baiona; e Os Piñeiriños. Xa é Nadal, que visitará cos seus protagonistas, Fuco e Xela, os concellos de Vigo, A Estrada, Santiso, Vilanova de Arousa, Lalín e Mondariz-Balneario.

Tamén para a cativada e as súas familias son os espectáculos Contos e cantos de Nadal, no que o trío composto por Uxía, Sèrgio Tanus e Santiago Cribeiro interpretará un repertorio propio destas festas en Poio, Cerdedo-Cotobade, Ribeira, Outes, Oímbra, Xinzo de Limia, Covelo e Soutomaior; e Contos de Nadal, no que que a contadora Ángeles Goás invita o público a mergullarse na escoita de historias propias destas festas en Brión, Gondomar, A Fonsagrada, Oroso e San Cristovo de Cea.

Por último, e para público adulto, a compañía En Branca e Negra levará a proposta De ida e volta -que mestura a narración oral, o teatro e a música nunha homenaxe aos migrantes- aos concellos de Cambados, A Estrada e Vigo.

As datas exactas, lugares e horas de cada pase poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES