Na fin de semana do 31 de xullo, celebrouse en A Guarda o Galifornia Beat, un festival de skate, música en directo e cultura urbana. Unha boa ocasión para gozar da cultura urbana, exhibicións, competicións e rock en directo con entrada libre e gratuíta.
Toco comezou o venres, despois dunha intensa tarde de skate, coas competicións ao mellor truco e ao mellor chimpo, o dúo guardés Visera foi o encargado de abrir a noite do venres do Galifornia Beat cunha descarga de crudeza e identidade propia.
Recentemente incorporados ao selo BCore Disc, presentaron unha proposta contundente combinando un son cru e directo cun repertorio de letras costumistas. Un concerto con personalidade, intensidade e unha marcada esencia post-punk. A continuación chegaron os portugueses Puto, que actuaban coa espiña cravada de non poder participar na edición anterior por motivos persoais. A banda ofreceu un espectáculo cheo de enerxía, cun vocalista absolutamente incansable, que non deixou de percorrer o escenario durante toda a actuación. Un directo frenético e cargado de adrenalina.
Tras eles era a quenda dos madrileños Plastic Meat, que chegaban para presentar o seu novo EP, Losing It. O seu concerto foi unha auténtica descarga de punk rock clásico, con referencias inevitables a bandas como The Runaways ou The Avengers. Nun gran momento de forma, conseguiron meter ao público de cheo na actuación e atraer cada vez máis xente cara ás primeiras filas.
Os seguintes en subir ao escenario foron Boston Babies. Glam, garage rock e moita actitude definen á perfección este power trío madrileño. Sen apenas dar un respiro, enlazaron unha canción tras outra, facendo suar aos asistentes grazas a unhas guitarras contundentes e uns coros efectivos e pegadizos. A combinación perfecta para unha noite de festival. A guinda da xornada púxoa You Can’t Hide. O grupo vigués presentou un explosivo cóctel de punk, metal e trap, liderado por un Kaixo que sabe perfectamente como incendiar un escenario. As súas letras reivindicativas, unidas á súa constante interacción co público -baixando do escenario para mergullarse entre a xente e provocar auténticas mareas de pogos— converteron o concerto nun auténtico estoupido de intensidade. Sen dúbida, o venres pechouse cunha noite de alta voltaxe.
O sábado amenceu nubrado, pero as condicións eran ideais para recibir a Santos Morcegos!!!. Despois de sete anos sen actuar en formato trío e dez sen facelo como quinteto, demostraron que seguen conservando toda a súa esencia. O concerto percorreu practicamente toda a súa traxectoria, desde os primeiros pasos da banda ata a súa etapa máis recente, recuperando un repertorio cheo de himnos de surf-rock con aromas de serie B e western. A complicidade entre os músicos era evidente e esa satisfacción acabou transmitíndose a un público que gozou tanto como eles dunha actuación cargada de nostalxia, diversión e boa música.
Despois do pertinente descanso e paseo pola A Garda voltamos ao recinto do festival onde xa había ambiente e ganas de música. A banda de Viana Do Castelo “Unfinished Grounds” foi a encargada de abrir a xornada do sábado. A “raia” fronteiriza e sinónimo de proximidade, de amizade e tamén, como non, de nexo musical. Os portugueses presentaban no Galifornia Beat o seu primeiro lp estreado o pasado ano titulado “Memories From Tomorrow”. Ritmos melódicos e acelerados para buscar a esencia do punk rock e letras comprometidas cos problemas actuais. Unha aposta da organización e unha aposta acertada que dende estas páxinas prometemos seguir de cerca.
Sigue o festival e chega a hora de Andi e Ana, mais coñecidos por Los Retumbres. Os de Barakaldo, mestres no garaxe/punk/rock, mostran cancións curtas e ao mesmo tempo rotundas na súa letra. Todo o seu carácter está nas súas composicións e a súa música está disposta a abrir mentes e debates. Intensidade enmascarada a beira do Miño e ao Atlántico.
O ambiente ia quecendo na zona do festival, os saúdos entres os presentes e as conversas ian enchendo o tempo de espera entre banda e banda. Facía boa noite e ao día seguinte non había que traballar. O obxectivo só era coller boa posición para ver a seguinte banda: Pelazo. “Sonido Santa Marina” así se titula o novo disco da banda de Mieres. Unha homenaxe aos barrios donde se forxa unha vida paralela a gran cidade. E xa cos asturianos no escenario comprobamos nos primeiros acordes esa intensidade e vigor que levan a calquera por diante. Directos ao rock and roll, sen pausa e co público entregado dende o primeiro minuto. A banda sabe que está nese punto de certificar a súa valía e concerto a concerto demostran con creces que nos van gañando día a día.
E seguindo a estela do norte do país, so faltaba escoitar a banda de Donostia, Lie Detectors. Aínda tiñamos forzas para cantar e bailar, para volver a gozar dos “Lie”, e tamén para abrir as portas da felicidade que supón cada concerto de Txema e compañía. Escoitar a esta xente e de por si un momento único, máxico e moi divertido. Unha por unha foron soando himnos. “Pínchalo”, “Chelsea Boots”, “Sin ti no puedo estar” e a cantada como por todos e todas “Me gusta la calle”.
Si o ano pasado foron Los Chicos, a banda de Madrid, os que pecharon o festival este ano a organización volveu a acertar con Lie Detectors. Algo, moito, saben Berto e Julio, organizadores do evento, de como pechar un festival e marchar para casa cun sorriso na cara. A música moitas veces o e todo, as cancións son necesarias cada día mais, e mentres uns traballen para que todo isto siga funcionando o amañecer sempre será mais bonito.
Miguel Lomba & Julio Mera

