miércoles, mayo 8, 2024
InicioNewsA Xunta apoiara con 30.000 euros melloras na Casa do Concello de...

A Xunta apoiara con 30.000 euros melloras na Casa do Concello de Crecente

- O vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, e o alcalde Julio César García-Luengo asinaron un convenio para a adquisición de mobiliario e a instalación de megafonía no salón de plenos

A Xunta apoia melloras na casa consistorial de Crecente cunha achega de 30.000 euros, segundo o acordo asinado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde desa localidade pontevedresa, Julio César García-Luengo. A axuda ten como obxectivo a adquisición de mobiliario e a instalación de megafonía para o salón de plenos.

Ao abeiro do convenio, dotarase este espazo con mesas, cadeiras e cortinas, ademais de colocarse o escudo e nome do concello. Pola súa banda, a instalación da megafonía require dun servidor de sistema de conferencias por radiofrecuencia con acceso sen fíos.

A iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego coas administracións locais, e especialmente coas localidades de menor poboación, co obxectivo de garantir infraestruturas e servizos municipais de calidade en todo o territorio. Nesta liña de acción, a Xunta ofrece distintas axudas específicas para concellos, como a orde de infraestruturas de uso público ou o Fondo de Compensación Ambiental.

Máis de 600 proxectos financiados con 27,2M€

A través destas convocatorias, así como do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, xa se apoiaron neste ano máis de 600 proxectos municipais en toda Galicia cun investimento superior aos 27,2 millóns de euros.

A Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros beneficiou neste ano 104 entidades locais na mellora das súas instalacións para a prestación de servizos básicos, de lecer infantil e familiar, deportivos ou culturais. Pola súa banda, o Fondo de Compensación Ambiental, cun investimento superior aos 8,2 millóns de euros, facilitou actuacións de mellora da contorna natural en 93 concellos ao abeiro da liña competitiva e en 119 ao da liña non competitiva, dirixida a concellos nos que hai parques eólicos.

A maiores destas medidas, investíronse 15,5 millóns de euros nas distintas liñas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, ás que se puideron acoller este ano a meirande parte dos concellos.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES