Mércores, Maio 6, 2026
HomeNewsA Xunta comeza a construción do novo centro de saúde de Moaña

A Xunta comeza a construción do novo centro de saúde de Moaña

A Xunta de Galicia vén de iniciar os traballos de construción do novo centro de saúde do concello de Moaña, por un importe de 8,3 millóns de euros. A nova infraestrutura sanitaria substituirá o centro de saúde da Casa do Mar, e duplicará a súa superficie ata superar os 3.500 m².


Esta obra comeza menos dun ano despois que o Concello de Moaña completara en
agosto de 2022 a cesión á Xunta dun terreo municipal de 2.067 m², un trámite no que
administración municipal empregou dous anos e medio desde a sinatura do convenio de
colaboración entre Xunta e Concello en febreiro de 2020. Unha demora que obrigou ao
goberno galego a contratar de xeito excepcional, aínda sen ter transferida a parcela, a
redacción do proxecto básico e as prestacións opcionais de redacción do proxecto de
execución e da dirección de obra do novo centro de saúde.


Agora, co inicio destas obras, cuxa execución se estenderá durante 15 meses, a Xunta
comeza a materializar o centro proxectado, que incrementará dun xeito considerable o
número de espazos, en comparación co actual. Neste senso, segundo o Plan Funcional,
contará con 8 consultas de medicina, 6 de enfermería, 1 de matrona, sala de toma de
mostras, sala de técnicas, 6 salas polivalentes, 2 consultas de pediatría, 2 salas de
enfermería pediátrica e 2 salas polivalentes de pediatría. Ademais, tamén contará cun
despacho de coordinación; 1 sala de educación sanitaria e área bucodental; de
fisioterapia; así como un despacho para o traballador social e sala de telemedicina e
ecografías.


A Xunta acordou co Concello de Moaña que as salas polivalentes situadas na planta baixa
poidan ser usadas como Punto de Atención Continuada namentres non se poña en marcha o PAC unificado previsto no futuro Centro Integral de Saúde do Morrazo, do que
aínda se segue á espera de cesión de parcela por parte do Concello de Cangas.


Tres novos médicos para o centro de saúde de Moaña


Aparellada á construción desta nova infraestrutura sanitaria para Moaña, a Xunta tamén
reforzou a atención primaria neste concello a través da cobertura, mediante concurso de
méritos, de tres prazas de facultativo especialista de atención primaria que teñen permitido
que nestes momentos o centro teña o seu cadro de persoal completo, sen ningunha
vacante, e garantindo a asistencia continuada en mañá e tarde.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS