domingo, mayo 5, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño celebra o Nadal ao ritmo das súas rondallas

Porriño celebra o Nadal ao ritmo das súas rondallas

As rondallas de Pontellas e Santa Eulalia de Atios actuarán en todas as parroquias os días 11, 17 e 18 de decembro e estarán presentes tamén nos principais eventos destas festas

No Porriño non pode haber Nadal sen a música das súa rondallas. As dúas agrupacións do municipio, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios e a Rondalla da Asociación Cultural Musical de Pontellas, serán as encargadas de marcar o ritmo destes festexos con pasarrúas por todas as parroquias e presentes nos principais actos da programación de Nadal.
As pandeiretas empezarán a soar este domingo 11 de decembro. A Rondalla de Pontellas actuará ás 16.00 horas nas Mimosas de Carracido, ás 18.00 horas na Forna de Budiño e ás 20.00 horas fará un pasarrúas polo centro urbano. Pola súa banda, Santa Eulalia de Atios actuará ás 16.00 horas na cultural de Chenlo, ás 18.00 horas no centro cultural de Mosende e ás 19.30 horas presentarase oficialmente no Centro Cultural de Atios.
A seguinte quenda será o sábado 17 de decembro. A Rondalla de Pontellas comezará a xornada en Cans ás 16.00 horas e ás 18.00 horas estará no centro cultural de Casal en Budiño. A Rondalla Santa Eulalia de Atios arrancará ás 17.00 horas cun pasarrúas en San Rosendo (Torneiros) e ás 18.00 horas actuará no centro urbano e no Círculo Recreativo e Cultural. A tarde culminará ás 19.30 horas no Centro Cultural de Pontellas co encontro entre ambas formacións. E, de novo, odomingo 18 volveranse a atopar, será no Centro Cultural de Atios ás 19.30 horas.
As dúas agrupacións poñerán tamén a banda sonora ao arranque da Festa Pre-Fin de Ano que se celebrará o 30 de decembro, á Cabalgata das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente o 5 de xaneiro e, por suposto, serán as anfitrioas no Encontro de Rondallas do Porriño que este ano terá lugar o día 8 de xaneiro.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES