sábado, mayo 18, 2024
InicioComarcasLouriñaA Xunta incrementa o financiamento do SAF e destinará 112 millóns de...

A Xunta incrementa o financiamento do SAF e destinará 112 millóns de euros no 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada da alcaldesa, Nidia Arévalo, visitou hoxe a un usuario deste servizo, Benjamín Davila Alonso.

 

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou que a Xunta de Galicia incrementará o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata os 12€/hora para adiantar o compromiso de lexislatura fixado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e axudar aos concellos na prestación deste servizo municipal. Fíxoo esta mañá nunha visita a un usuario en Mos na que estivo acompañada da alcaldesa Nidia Arévalo. O usuario, Benjamín Davila Alonso, vive en Herville, parroquia de Cela, xunto á súa muller Mari Flor e o seu fillo Esteban. A auxiliar do SAF que lles presta o servizo e que esta mañá recibía tamén á conselleira e á alcaldesa no domicilio é Dircilene Franco. Tamén se achegou ata a vivenda o concelleiro da parroquia de Cela, Gonzalo Alonso.

O SAF ten por obxecto prestar una serie de apoios e atencións a persoas que teñan limitada a súa autonomía ou noutras situación  de risco social para facilitar a permanencia no súa contorna  habitual. Este servizo  prestase a través do sistema de dependencia,  sendo o recurso máis solicitado deste sistema. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declarou esta mañá a este respecto que “o número de usuarios/as actuais do SAF en Mos é de 112 persoas e 22 a través do sistema básico ou libre concorrencia. Un total de 134. Para elo desde o Concello de Mos dedicamos unha partida do orzamento municipal para o SAF cun importe anual de 1.130.200 €”.

Así mesmo Arévalo, rexedora local mosense, destacou que “o Concello mosense é punteiro no SAF, no que actualmente conta con 61 traballadoras e case 66.000 horas anuais de servizo, fronte a concellos con máis habitantes e coa metade de horas. Mos é un dos municipios da provincia e da comarca con máis horas anuais de SAF, xa que outros municipios con 15.000 habitantes ao igual que Mos, contan con menos da metade de horas”, explicou.

O Concello de Mos ten 15.190 habitantes e un total de 5.501 horas ao mes de SAF: 66.012 ao ano.

Pola súa banda a conselleiro, Fabiola García, explicou que o Goberno galego incrementará nun 10% o orzamento do Servizo de Axuda no Fogar para o vindeiro ano ata chegar á cifra récord de 112 millóns de euros. Este aumento permitirá poñer máis horas á disposición dos concellos e incrementar a achega autonómica a este servizo. Segundo o acordo chegado coa Fegamp no ano 2021, a Xunta incrementaría o financiamento deste servizo progresivamente durante a lexislatura chegando aos 12€/hora no 2024, unha cantidade que o Goberno galego adiantará xa a este mes de xaneiro.

A conselleira puntualizou que deste xeito a Xunta incrementará o financiamento deste recurso nun 24%, ao pasar dos 9,7 €/hora do inicio da lexislatura ata os 12 actuais. Nesta liña, destacou que Galicia é unha referencia a nivel nacional neste servizo ao chegar a máis de 25.000 usuarios en toda a comunidade. Así mesmo, Fabiola García recordou que para ofrecerlle uns servizos de calidade aos cidadáns é fundamental a colaboración institucional. Por iso, lamenta que mentres a Xunta continúa a reforzar a súa colaboración cos concellos, o Goberno central siga a incumprir a Lei de dependencia que lle obriga a sufragar nun 50% os gastos nesta materia. Nestes momentos o reparto segue a ser dun 70% a Administración autonómica e dun 30% a estatal.

Servizos de proximidade

A Xunta de Galicia continúa a impulsar servizos que lle permitan aos maiores vivir no seu lugar de sempre e estar ben atendidos. Con este obxectivo puxo en marcha o programa de Coidados porta a porta, con servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria 100% gratuítos e que xa atendeu a máis de 26.000 persoas; a teleasistencia, que pronto chegará aos 10.000 usuarios e pon a tecnoloxía á disposición dos maiores e ofrécelles axuda e seguimento con só pulsar un botón; ou as máis de 100 casas do maior que ofrecen coidado diúrno, atención e actividades a persoas maiores que viven en concellos pouco poboados de Galicia.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES