martes, mayo 21, 2024
InicioComarcasLouriñaConcello e veciñanza elaboran un proxecto de rehabilitación dos polígonos de Torneiros

Concello e veciñanza elaboran un proxecto de rehabilitación dos polígonos de Torneiros

Técnicos municipais visitan todos os bloques da zona declarada Entorno Residencial de Rehabilitación´ programa para elaborar un listado exhaustivo das deficiencias que presentan estes edificios

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e as concelleiras Antía Carrera e Carolina González, mantiveron onte unha reunión coa veciñanza dos polígonos residenciais de Torneiros e a Asociación de Veciños de Torneiros para determinar as necesidades dos bloques de vivendas da zona declarada como `Entorno Residencial de Rehabilitación Programada´, a fin de elaborar da maneira máis exhaustiva e detallada un proxecto de rehabilitación integral da zona.
O Concello do Porriño, a través da concellería de Urbanismo, está a elaborar este proxecto para acceder ao programa de axudas a actuacións de rehabilitación a nivel de barrio convocadas pola Xunta de Galicia con cargo aos fondos NextGenerationEU.
Así a veciñanza destes inmobles poderían optar a subvencións para a mellora e rehabilitación das súas vivendas, en especial as de illamento, fachada, cambio de cubertas e retirada de elementos de amianto.
“Estamos facendo un estudo ambicioso, que contemplará todas as necesidades dos 50 bloques de vivendas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor informou aos asistentes de que estes días notificarase en todos os bloques para acordar unha reunión cos veciños e a visita dos técnicos a cada un deles, a fin de concretar bloque por bloque as deficiencias que presentan. “O estudo está avanzado pero non queremos deixar nada atrás e para iso precisamos a colaboración de todas as comunidades de veciños e propietarios”.
Axudas para rehabilitación de inmobles, edificios ou vivendas unifamiliares da ERRP
No caso das vivendas as axudas poden acadar o 40% do investimento, cun máximo de 3.000 euros. As actuacións subvencionables inclúen a mellora ou rehabilitación do inmoble que deberá obter un aforro enerxético polo menos do 7% , unha redución no consumo de Enerxía primaria non renovable do 30% ou adecuar aos requisitos do CTE os elementos da envolvente.
Se se trata de edificios, os beneficiarios serán particulares ou comunidades de propietarios, e as axudas poden acadar o 80% do custo, cun máximo de 18.800 euros por edificio , contía que se incrementa en 12.000 euros máis en caso de retirada de elementos con amianto. As actuacións están dirixidas á mellora ou rehabilitación (do edificio ou de vivenda dentro do mesmo), sobre todo as correspondentes á cuberta ou fachada, e en calquera caso, deberán conseguir unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% e ademais unha redución da demanda enerxética anual global da calefacción e refrixeración da vivenda ou edificio do 25% ou 35%.
Destacar que no caso de persoas en situación de vulnerabilidade económica a axuda pode acadar o 100%.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES