sábado, julio 27, 2024
InicioComarcasLouriñaCOGAMI e Concello piden en Mos o apoio dos contribuíntes na declaración...

COGAMI e Concello piden en Mos o apoio dos contribuíntes na declaración da renda

Na campaña anterior, en Galicia 744.082 persoas marcaron o X Solidario, recadándose un total de 19.635.313 euros

Persoas profesionais e usuarias de COGAMI, encabezadas polo seu presidente provincial, Ángel Holguera, e acompañadas pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e as concelleiras de Política Social e Educación, Sara Cebreiro e Julia Loureiro, respectivamente, reuníronse esta mañá no Multiusos das Pozas para facer un chamamento á cidadanía de cara a marcar o X Solidario á hora de facer a declaración da renda.
Foron preto de trinta persoas as que se xuntaron para a lectura dun manifesto que recolle as principais reivindicacións dos colectivos sociais así como información dos programas que se poñen en marcha cada ano grazas ás persoas contribuíntes que marcan o X Solidario.

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos:

Ángel Holguera, presidente provincial de Cogami:

As entidades que conforman o Terceiro Sector queren lembrarlle á cidadanía que marcando a casiña de “Actividades de Interese Social” conséguese que un 0,7% dos nosos impostos se dediquen proxectos e programas a favor da inclusión social de persoas con discapacidade, mulleres, infancia e programas de cooperación…

Coincidindo co inicio da campaña para a presentación da Declaración da Renda, as ONG galegas representadas por EAPN Galicia, Cermi Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, piden a colaboración da cidadanía para que marque o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, coñecido como X Solidario.
Ante a realidade que estamos vivindo actualmente, faise vital contribuír ao funcionamento das entidades que loitan contra á exclusión social e a pobreza. As ONG prestan servizos esenciais na loita contra o COVID-19, a crise social e económica actual pola inflación e a guerra de Ucraína, apoiando e defendendo os dereito das persoas máis vulnerables. Este traballo é posible co X Solidario.
O financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF é necesario e fundamental para que moitas ONG galegas poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas, veciñas e veciños cos que convivimos.
Xa foron moitas as persoas que na campaña anterior colaboraron marcando a X Solidaria en Galicia: 744.082 persoas, o que supón o 54,94% do total das contribuíntes. Comparado co ano anterior, foron 8.377 persoas máis as que marcaron o recadro de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social.
Con este xesto recadáronse 19.635.313€, unha cantidade de 26,39€ por persoa, permitindo recadar a cantidade de 342.930€ máis. Todos estes fondos recibidos durante a campaña do ano pasado, recaeron en 141 organizacións galegas de acción social que puideron levar a cabo máis de 500 proxectos que beneficiaron de xeito directo a 105.000 persoas maiores, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, xente moza, nenas e nenos,…
Todas estas persoas son usuarias de programas como o de teleasistencia, apoio ás persoas con discapacidade e familias, educación para a saúde, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna sociofamiliar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos.
Dende as entidades sociais temos o punto de mira nas 610.363 persoas contribuíntes que seguen sen marcar o X Solidario. Destas, foron 494.714 as que non marcaron ningún recadro e 115.649 as que só marcaron o recadro da Igrexa. Se todas as galegas e galegos marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 32.540.813€, é dicir, 12.905.500€ máis dos recadados.

emerXencia SOLIDARIA
Unha trintena de persoas entre profesionais e usuarias de COGAMI presentaba no Multiusos Pozas de Mos, espazo cedido polo Concello para este día, a campaña do X Solidario.
O éxito da campaña do ano anterior debeuse a que se recoñecía o traballo de milleiros de persoas que traballan ou son voluntarias en organizacións de acción social, loitando contra a pandemia, coa crise económica e social actual e que seguirán facéndoo. Neste ano queremos encher as redes sociais coas etiquetas #emerXenciaSOLIDARIA e #MarcarLaXesLoNormal
Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES