viernes, marzo 29, 2024
InicioNewsO PaísA Confederación analiza as alternativas de auga para Vigo e área

A Confederación analiza as alternativas de auga para Vigo e área

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) recibiu da empresa redactora o estudo de alternativas para a mellora da garantía do abastecemento na zona sur da provincia de Pontevedra e remitiuno este venres ao Concello de Vigo e á Xunta de Galicia.

O obxectivo do estudo é mellorar a regulación e o almacenamento de auga para garantir o abastecemento a Vigo e zona sur de Pontevedra, municipios de Vigo, Redondela, Soutomaior, Porriño, Mos, Salceda, Moaña, Cangas, Baiona, Nigrán, Gondomar, Tui, Ponte Caldelas, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.

Para iso, analizáronse as poboacións, demandas, previsións de crecemento e dispoñibilidade de recursos, actuais e potenciais, na área de estudo, definindo todas as alternativas de mellora identificadas na zona e analizado comparativamente até conseguir a solución óptima.

Da análise realizada, que inclúe varias alternativas de presas nos ríos Oitavén e Verdugo, a construción dunha desaladora na ría de Vigo e o bombeo de augas desde o río Miño á presa de Eiras ou a de Zamáns, concluíuse que a mellor opción sería a execución dun conxunto de varias actuacións complementarias: unha captación de auga na confluencia dos ríos Oitavén e Verdugo, unha pequena presa augas arriba do encoro de Eiras, na canle do Oitavén, unha impulsión de auga desde o Miño ao encoro de Zamáns e unha condución por gravidade para conectar as redes de Nigrán e Gondomar.

O conxunto de actuacións propostas permitirá alcanzar, unha vez executadas todas, a garantía buscada para o sistema de abastecemento a Vigo e a zona sur de Pontevedra.

Ademais deste estudo de alternativas, redactáronse dous documentos adicionais, un descritivo da solución seleccionada e outro de solicitude de inicio da tramitación ambiental do estudo. Estes documentos son necesarios para solicitar ao Órgano Ambiental, na definición dada pola Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental, a redacción do documento de alcance do Estudo de Impacto Ambiental do proxecto, que debe definir o contido do mesmo.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES