A actividade dirixida á cativada de entre 3 e 12 anos desenvolverase os días 11, 12, 13 e 18 de abril
O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición do Campamento de Semana Santa 2022, dirixido ás nenas e nenos do municipio de entre 3 e 12 anos cumpridos. Desenvolverase en instalacións municipais os días 11, 12, 13 e 18 de abril en horario de mañá, de 09.00 a 14.00.
“Con esta iniciativa preténdese potenciar a seguridade e autoestima dos máis pequenos da casa, fortalecer as súas habilidades, eliminar os seus medos e potenciar neles valores de cooperación, igualdade, solidariedade e respecto”, explicou a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González.
Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que se trata dun “espazo de convivencia, de aprendizaxe e de ocio para os nenos e nenas e, á vez, unha opción para a conciliación, xa que nestas datas para moitas familias xorde a necesidade de atopar un lugar seguro no que as súas fillas e fillos poidan desfrutar das vacacións mentres eles traballan”.
O prazo de inscrición abriuse este luns, 4 de abril, e ofertan un total de 40 prazas. As persoas interesadas deben dirixirse ao Rexistro do Concello onde se lles facilitará a folla de inscrición e toda a información complementaria.
No caso de existir máis demandas que prazas, estas cubriranse seguindo o baremo de puntuación establecido.