viernes, junio 2, 2023
Google search engine
InicioComarcasLouriñaMos anima á veciñanza a acoller nenos saharauís no verán

Mos anima á veciñanza a acoller nenos saharauís no verán

É preciso que se inscriban como familia acolledora do programa Vacacións en Paz.

Desde a Concellería mosense de Política Social e Igualdade infórmase de que despois de dous anos sen poder levar a cabo o programa de acollida de nenos saharauís, Vacacións en Paz, debido a pandemia; por fin se retoma e os nenos e nenas saharauís poderán vir este ano a pasar os meses de verán a Galicia en xeral e a Mos en particular.

O Concello de Mos participa neste programa organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e anima á veciñanza a que se inscriba como familia acolledora. As persoas interesadas poden solicitar información nos servizos sociais municipais.

“Fai moita falla que poidan saír dos campamentos o maior número de nenos posibles, xa que están a pasar por momentos moi duros, con moita falla de axuda humanitaria. Coa acollida as familias poderán darlles unha alternativa para evitar a súa estancia nos Campamentos durante os meses de xullo e agosto, por teren as temperaturas máis altas (máis de 50ºC), facilitar a asistencia sanitaria e de alimentación, e promover os valores de solidariedade entre o Pobo Galego e o Pobo Saharauí”, declarou a este respecto a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, quen ademais anunciou que se realizará proximamente unha reunión informativa para todas as familias interesadas en coñecer o programa.

As familias acolledoras comprometeranse a acoller aos cativos saharauís durante o verán no seu fogar, sen ter que asumir a viaxe dos mesmos ata Galicia, pois veñen cos billetes de ida e volta pagados.

É xa histórica a estadía da cativada saharauí que pasa a tempada estival no municipio de Mos grazas ao programa Vacacións en Paz promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.
Desde sempre, e igualmente este ano como non podía ser doutro xeito, os nenos poden participar ao longo de todo o verán en iniciativas organizadas pola administración local como o campamento infantil estival Mañás de Verán, así como coñecer a piscina ao aire libre de San Eleuterio, acudir a festividades e actividades municipais, deportivas, etc.

Asistencia médica

Un dos principais obxectivos do programa Vacacións en Paz é a asistencia médica dos nenos e nenas saharauís que veñen en acollida durante o verán.

Existe un convenio co Sergas polo cal os cativos saharauís recentemente chegados poden beneficiarse de todo tipo de revisións médicas e se lles poñen as vacinas necesarias e correspondentes ás súas respectivas idades. Facilitar a atención sanitaria a estes nenos e nenas que non poden acceder á mesma no seu país de orixe é, sen dúbida, unha das finalidades máis importantes desta iniciativa solidaria.

Unha causa solidaria que trae sorrisos a nenos e nenas que o necesitan. Para máis información pódese contactar co Concello de Mos, a través dos servizos sociais ou co teléfono 986 26 26 37 (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí)

ARTIGOS RELACIONADOS

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

- Advertisment -
Google search engine

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES