jueves, abril 25, 2024
InicioComarcasLouriñaMos asumiría a execución subsidiaria das obras para desbloquear a situación de...

Mos asumiría a execución subsidiaria das obras para desbloquear a situación de San Antoniño

A Xunta de Voceiros, con representación dos diferentes grupos da Corporación Municipal, reuniuse esta mañá no Concello coa nova directiva e a administradora da Comunidade de Propietarios. 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o secretario municipal, Carlos Piñeiro, o xurídico do departamento municipal de Urbanismo, Víctor Rodríguez, a interventora, Sonia Dapena, xunto cos demais voceiros dos grupos da Corporación Municipal, reuníronse esta mañá no salón de sesións do Concello coa nova directiva encabezada polo presidente, Juan Carlos Recouso, e a administradora da Comunidade de Propietarios da Urbanización de San Antoíño, na parroquia de Louredo, para tratar sobre o procedemento de execución subsidiaria e recepción das obras de urbanización.

A Comunidade de Propietarios manifestou a imposibilidade de xestionar a execución das obras de urbanización necesarias para a recepción expresa. Ante o que o Concello aceptaría executar subsidiariamente as obras de urbanización necesarias para a subsanación das deficiencias existentes. Por parte da administración local mosense xa se remitiu a proposta para a devandita execución subsidiaria á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, detallando como asumiría o Concello as obras. Unha vez validada pola Xunta esta proposta, presentaráselles aos veciños de San Antoíño para a súa aprobación.

Na xuntanza celebrada hoxe explicáronse todos os pasos a seguir para a consecución do procedemento. Por parte do Concello asumiríase a elaboración do proxecto de urbanización e a súa aprobación, tendo en conta o recollido nos proxectos de urbanización inicialmente aprobados. Que irá seguida da redacción e sinatura dun convenio de colaboración que concrete as fases da execución das obras de urbanización, determinando os gastos e a forma de financiación.

Por último, procederíase á licitación das obras de urbanización e posterior inicio da execución segundo ás fases conveniadas e ingresadas as porcentaxes fixadas das liquidacións. Para culminar o procedemento coa recepción das obras licitadas e da urbanización de San Antoíño, e xestión por parte do Concello das melloras na urbanización xa recepcionada.

Tras a sentenza favorable ao Concello de Mos (aínda non definitiva xa que cabe recurso), que establece que hon hai recepción tácita da urbanización, e a vontade de consenso por parte da nova directiva da Comunidade de Propietarios, o pasado mes de xaneiro retomáronse as xestións e o traballo conxunto de cara á recepción da Urbanización por parte do Concello.

A principal prioridade de ambas partes, Concello e propietarios, é a conexión da urbanización á rede xeral de saneamento do Consorcio de Augas do Louro. Unha obra cun orzamento total de 150.000 euros cuxa execución será asumida entre o Consorcio e os propios veciños, subsanando así unha problemática de fai moitos anos.

Desde xeito, goberno local e Corporación Municipal agradecen a vontade da nova directiva de traballar conxunta e consensuadamente co Concello e trazar as liñas para solucionar a situación da Urbanización de San Antoíño. O proxecto das necesidades a executar na Urbanización de San Antoíño inclúe aspectos como a mellora de beirarrúas, entre outras, e a avaliación dos custes das mesmas. Por parte dos representantes municipais, Arévalo e Augusto, expresouse novamente a “man tendida do Concello coa Comunidade de Propietarios”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES