jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasLouriñaO Celta presenta a futura Factoría do Deporte Galego

O Celta presenta a futura Factoría do Deporte Galego

Un espazo referente internacional, denominado Galicia Sports 360, que incluirá Universidade do Deporte e no que o club prevé investir 70 millóns de euros.

A Cidade Deportiva Afouteza en Pereiras acolleu unha xuntanza entre o RC Celta, Concello de Mos e Comunidades de Montes e Augas de Pereiras, na que o club celeste lles presentou o proxecto estratéxico e referente internacional: Galicia Sports 360.
Á reunión asistiron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto con máis membros da corporación municipal, o presidente do Celta, Carlos Mouriño, e representantes das comunidades de Montes e de Augas de Pereiras, onde se atopan os terreos dos que xa dispón o club celeste para desenvolver este novo proxecto.
O proxecto exposto converterase na Factoría do Deporte Galego, tratándose dun centro integral para a capacitación da industria do deporte, cun centro de tecnificación avanzada para o desenvolvemento das novas tecnoloxías e a súa aplicación ao mundo do deporte. Un centro que albergará ademais a Universidade do Deporte.
Sobre esta gran noticia a rexedora local destacou “a gran transformación en materia de novas dotacións e equipamentos que vai supoñer esta nova infraestrutura deportiva estratéxica e referente internacional”.
mos presentacion celta sport 360 dentroAsí mesmo Arévalo salientou as características deste novo proxecto céltico “que contará cunhas instalacións de 299.000 metros cadrados de superficie e no que o club fará un investimento de 70 millóns de euros. Ao tempo que creará emprego no municipio con 200 novos postos de traballo”.
Deste xeito a Cidade Deportiva Afouteza continuará crecendo con esta Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 que contará con campos de fútbol de herba natural e artificial, instalacións para os equipos de categorías profesionais e para a canteira, instalacións para a práctica doutros deportes, centro de ocio deportivo temático aberto ao conxunto da sociedade e residencia deportiva para a canteira e concentracións do primeiro equipo, así como para os programas de formación intensivos.
O programa deseñado contará co proxecto da Universidade do deporte, centros de ciclos formativos de Grado Superior vinculados á medicina e ao mundo deportivo e centro de alto rendemento médico. Tamén Centro Tecnolóxico da Innovación no deporte, Centro Demostrador de Tecnoloxía, Club de inversores e centro de eventos e conferencias. Finalmente culmínase o proxecto cun Arena de ata 10.000 espectadores.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES