jueves, abril 25, 2024
InicioNewsO PaísSanidade recomenda non practicar actividades ao aire libre pola calima

Sanidade recomenda non practicar actividades ao aire libre pola calima

Advirte que a poboación que se pode ver máis afectada pola mala calidade do aire son as persoas con enfermidades pulmonares ou cardiocirculatorias, principalmente asma ou EPOC, as persoas anciás, nenos e mulleres embarazadas.

Desde o día de onte, Galicia sofre unha chegada masiva de po procedente do Sahara, o que fai que a calidade do aire empeore, polo aumento das concentracións de partículas en suspensión, podendo producir efectos adversos de consideración na saúde humana.

Por este motivo, a Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda non practicar actividades ao aire libre, sobre todo exercicio intenso, pechar as portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios e usar máscaras e gafas en exteriores, sobre todo no caso de poboación sensible, ata que este episodio se acabe. 

O tamaño das partículas (PM), determina a perigosidade do po para a saúde. Destas partículas, as que poden causar efectos nocivos na poboación, son as de 10 micras (PM10) ou menores, que producen síntomas como irritación nos ollos, nariz, boca e gorxa. As menores de 2,5 micras (PM2,5), ademais, teñen a capacidade de introducirse nos pulmóns e no torrente sanguíneo, producindo sobre todo, unha diminución da capacidade respiratoria o que provoca problemas respiratorios e agravamento das patoloxías crónicas, como o asma ou a EPOC.

A poboación que pode verse mais afectada pola mala calidade do aire, debido á elevación das partículas en suspensión, son as persoas con enfermidades pulmonares ou cardiocirculatorias, principalmente asma ou EPOC, os anciáns, nenos e embarazadas.

Segundo o Índice de Calidade do Aire (ICA) establécense diferentes categorías de calidade do aire: boa, favorable, regular, mala, moi mala e pésima. A partir dunha calidade de aire regular pode existir un risco moderado para os grupos máis susceptibles, mentres que se deben tomar certas precaucións na poboación xeral a partir dunha calidade do aire mala.

Desde o día de onte activouse o protocolo de actuación ante estes incidentes atmosféricos no que varios departamentos da Xunta de Galicia están en permanente coordinación. A situación actual e a localización dentro da xeografía galega do nivel e tamaño destas partículas así como a predición da posible chegada nos próximos días pódese consultar na páxina web de Meteogalicia https://www.meteogalicia.gal/Caire/indiceICA.action.«>https://www.meteogalicia.gal/Caire/indiceICA.action. 

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES