sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaGofre, Trece e Fox, mestres da empatía nas aulas do Porriño

Gofre, Trece e Fox, mestres da empatía nas aulas do Porriño

Preto de 400 escolares participan nos obradoiros sobre educación en valores asistidos por cans de terapia.

O obxectivo xeral desta actividade, organizada pola Concellería de Educación a través da OMIX, é trasladar os beneficios que achegan os animais ás contornas escolares, coa finalidade de traballar de forma transversal a educación en valores e o coidado responsable de mascotas, con obradoiros específicos orientados a este fin.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, acudiron á primeira quenda destes obradoiros no CEIP Xosé Fernández López, para compartir cos escolares e con Gofre, Trece e Fox, os tres cans participantes, esta experiencia de concienciación e mellora da convivencia.

«Nestes obradoiros abórdanse, entre outras cuestións, a educación en positivo, o acoso escolar e os contratempos derivados de problemas de conduta, empregando os cans como modelo», explicou a edil. «Ademais, a metodoloxía é sempre activa, participativa, lúdica e integradora, conseguindo que os pequenos/as aprendan mentres se divirten».

A actividade divídese en dúas partes. Unha primeira centrada na educación en valores que se levará a cabo en horario escolar, dirixida ao alumnado de educación infantil e primaria e na que participarán 322 nenos e nenas dos colexios CEIP Antonio Palacios, CEIP Atios, CEIP Cruz Budiño, CI Mosende, CEIP Ribeira, CEIP Xosé Fernández López, CPR Hermanos Quiroga e CPR Santo Tomás. E unha segunda, uns obradoiros de educación asistida con cans de terapia que se desenvolverase cada martes dos meses de marzo, abril e maio e na que participarán ao redor de 50 alumnos/as NEAE e usuarios/as do centro de día de Aceesca.

«A empatía ten catro patas, isto é algo que todos sabemos», concluíu o rexedor. «Os animais son os mellores mestres para traballar cos nenos e nenas valores como a solidariedade, o compañeirismo, o respecto, a aceptación das diferenzas, a integración, autoestima e a igualdade, así como os hábitos de hixiene e alimentación saudable. Proba disto é ver o seu entusiasmo e implicación, divírtense e aprenden».

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES