viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasLouriñaMelchor, Gaspar e Baltasar chegan á Louriña

Melchor, Gaspar e Baltasar chegan á Louriña

Estarán dende hoxe no Porriño e mañá en Mos e Salceda de Caselas

Os nenos dos municipios de Mos, Porriño e Salceda de Caselas teñen unha cita hoxe e mañá coas súas Maxestades os Reis Magos. Dende Oriente desprazáronse á comarca da Louriña para estar de preto cos máis pequenos da casa. Os máis madrugadores serán os das parroquias porriñesas que recibirán xa esta mesma tarde a visita de Melchor, Gaspar e Baltasar.

Porriño: percorrido en coche e recepción

No Porriño non haberá cabalgata dinámica seguindo as recomendacións da autoridade sanitaria, pero os Reis Magos percorrerán o municipio saudando aos nenos e nenas e despois haberá unha recepción no centro cultural.

Durante a tarde deste martes 4 as súas maxestades visitarán os centros sociais e veciñais de tódalas parroquias. Será a partir das 16.30 horas. No caso de Torneiros, a comitiva parará na casa parroquial xa que o centro cultural Alba está pechado, segundo indicou Bienvenido Estévez, o novo concelleiro responsable de Cultura e Festas.

A esa mesma hora, o mércores 5, véspera do día de Reis, sairán en vehículos abertos dende o pavillón de deportes para facer un percorrido polo casco urbano que os levará polas seguintes rúas e prazas: Doantes de Sangue, Fernández Areal, Doutor Paz Varela, Pinar, Codesal, Cruceiro, Antonio Palacios, rotonda do Canteiro, avenida de Galicia, rotonda de Mos, Ramiráns, Ramón González, praza do Concello, Antonio Palacios, Domingo Bueno, Pío XII, Manuel Rodríguez, praza de San Sebastián, rúa San Sebastián, de novo, rúas Manuel Rodríguez e Domingo Bueno para rematar no centro cultural onde, a partir das 17.30 horas, recibirán aos nenos que se acheguen ao auditorio exterior, no que se instalará unha carpa como xa aconteceu en 2021. A recepción durará ata as 20.00 horas.

 

Mos: cabalgata

Con moita prudencia e pedindo responsabilidade, o Concello de Mos amplía o percorrido do tradicional desfile de carrozas da cabalgata de Reis. Deste xeito, tratan de evitar as aglomeracións ofrecendo a posibilidade de que todas as familias poidan manter as distancias e desfruten igualmente desta data máxica para os máis cativos.

Así, o mércores día 5 de xaneiro, ás 18.00 horas, as carrozas das súas maxestades os Reis Magos de Oriente, desfilarán pola Avenida de Sanguiñeda (dende a Ponte de Senlle ata a rotonda de Costilleta). Estarán acompañados polos integrantes do grupo de pop rock os “King Kids”, gañadores do primeiro premio do concurso televisivo da TVG, a mellor canción do Nadal, e das catro rondallas mosenses: a Rondalla do Centro Cultural de Torroso, a Rondalla da Asociación Cultural de Herville, a Rondalla do Santiaguiño de Guizán e a Rondalla Santa Eulalia de Mos.

Dende o Concello informan que non terá lugar como outros anos as actuacións estáticas nin o Belén vivinte, e apostan por este formato, indicando que haberá sitio de abondo para que a veciñanza poida estar moi repartida.

A alcaldesa Nidia Arévalo anima ás familias para que se acheguen ata Sanguiñeda, pero pide moita prudencia e responsabilidade para que entre todos se logre unha xornada segura.

Salceda de Caselas: recepción

En Salceda de Caselas as súas maxestades os Reis Magos de Oriente farán unha recepción real para todos os nenos e nenas do municipio.
Será o mércores 5 de xaneiro, de 17.00 a 20.00 horas na Praza do Concello

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES