viernes, mayo 3, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTui enche o verán de cultura con seis festivais internacionais

Tui enche o verán de cultura con seis festivais internacionais

Cinema, música, teatro e danza completan a programación cultural que este verán se poderá gozar en Tui.

Co lema “Saímos con sentidiño” dende o próximo martes 13 de xullo e até finais de setembro poderemos gozar dunha oferta cultural diversa, variada, e internacional con todas as medidas de seguridade. Vén recollida nun novo número da Axenda Cultural Corredoira da que se editan 12 mil exemplares. Está xa accesible en www.tui.gal.

A proposta de festivais é variada e comeza o próximo 23, 24 e 25 de xullo co novidoso Festival Internacional de Artes na Rúa, que ofrecerá 18 funcións, 12 espectáculos e 6 pasarrúas na Eurocidade Tui-Valença.

A continuación, do 1 ao 7 de agosto, será a quenda Música no Claustro na catedral de Tui, un evento que mestura música, patrimonio e creación. O seu director, Samuel Diz, destaca coma novidade a celebración do Foro Profesional de Instrumentos Musicais, único en España dedicado ás profesións vinculadas aos instrumentos musicais.

Síguelle o IKFEM, Festival de Instrumentos de Tecla da Eurocidade, que será do 18 ao 22 de agosto. O próximo luns presentase o programa ao completo da súa novena edición, do que destacou a súa directora, Andrea González, que será “moi ecléctico, moi variado en estilos musicais e aberto a todo o público”.

Outro festival que volve a Tui despois dun par de anos de parón é Arraianos, que celebrará unha edición especial Xacobeo do 27 de agosto ao 5 de setembro “cunha estrutura cambiada”, explica a súa directora, Andrea Costa. Avanza que “as actividades cobran un papel esencial” fomentando a economía no sector da restauración do comercio local” con cheques regalo e un premio e até mil euros para consumir en Tui.

Súmase á lista de festivais o Encontro Profesional da Musica Galego Portuguesa, MUMI, que será os días 9, 10 e 11 de setembro. Presentaranse distintas bandas galegas e portuguesas, haberá actividades na rúa e mesas redondas nas que se abordarán distintos temas que “fagan que teñamos unha industria cultural máis forte”.

Por último, pechará a axenda de festivais o xa consolidado Play-Doc, que celebra a súa décimo sétima edición “coa esperanza de que o ano poidamos retornar á primavera”. O evento recuperará o carácter internacional con convidados, crítica e retrospectivas internacionais. Tamén repetirán a “hibridación do festival” coa dixitalización de certos contidos e o emprego das rúas tudenses coma escenario.

Outras propostas: cine e teatro

Pero estas no serán as únicas propostas culturais de Tui para este verán. O Paseo Fluvial acollerá ás seis proxeccións de cinema previstas con capacidade para 300 espectadores, que poderán reservar a súa entrada, dende o luns da semana da proxección, en www.tui.gal, cun máximo 3 entradas por persoa. No mes de xullo as proxección será ás 22.30 h, o martes 13 poderase ver «Zog y los doctores voladores», o mércores, 14 de xullo, «El viaje de Chihiro»´e o xoves «Stand by me». Xa en agosto a cita será ás 22 h o martes 10 con «Los Goonies», o mércores 11 con «Fiebre del sábado noche» e o xoves 12 «Abominable».

A praza de San Fernando acollerá o venres, 16 de xullo, ás 22 h o concerto de Ana Belén Rodríguez Trío dentro do programa «Música no ar» da Deputación, o venres, 13 de agosto, ás 21 h a Nova Galega de Danza co espectáculo «Leira» ao abeiro de “Propulsa” da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Haberá capacidade para 120 espectadores que deberán reservar previamente a praza en www.tui.gal dende o luns da semana do espectáculo.

A ribeira de Caldelas acollerá o venres, 27 de agosto, ás 22 h a representación de «A contenda dos labradores de Caldelas ou entremés famoso sobre a pesca». Trátase unha produción da Companhia de Teatro de Braga e o Centro Dramático Galego para o Festival de Almagro, coa que se conmemora o 350 aniversario desta peza teatral que foi o primeiro texto dramático escrito en lingua galega.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES