viernes, mayo 17, 2024
InicioNewsActualidadeTui acolle esta fin de semana a Final 4 Cadete de balonmán

Tui acolle esta fin de semana a Final 4 Cadete de balonmán

O pavillón Gustavo Rodríguez acollerá o sábado as semifinais e o domingo as finais. O Balonmán Tui buscará na categoría masculina a praza para o Campionato de España

O balonmán galego vivirá a súa festa esta fin de semana en Tui coa celebración na cidade da Final 4 Cadete nas categorías feminina e masculina.


O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López e o presidente do Club Balonmán Tui, Pablo Rodríguez, xunto ás tudenses Shaila Bautista e Laura Solla, membros da Federación Galega de Balonmán, presentaron este mediodía a competición na Casa do Concello de Tui.


Rafael Estévez, concelleiro de Deportes de Tui, agradeceu á Federación Galega de Balonmán, ter elixido Tui para esta final, ao tempo que animaba á cidadanía ao sábado e domingo achegarse ao pavillón Gustavo Rodríguez, para gozar do balonmán e do que será toda unha festa.


O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, explicou coma esta Final 4 Cadete é o colofón á competición desta temporada. Detallou Bruno López os motivos polos que dende a Federación Galega elixiron Tui para esta cita: «o bo traballo que Balonmán Tui leva facendo coa base, as facilidades que sempre lles dan dende o Concello de Tui, e as cualidades da cidade da que sempre falan os tres tudenses que forma parte da directiva da federación». Asegurou tamén que esta cita converterase «na festa do balonmán galego”.


Pablo Rodríguez, presidente do Club Balonmán Tui, salientaba coma esta final é “por e para os xogadores”, amosaba o agradecemento ao Concello de Tui, e salientaba coma “máis aló do resultado a fin de semana vai ser unha festa”. Avanzaba ademais que máis alá da competición deportiva as persoas que se acheguen ao pavillón Gustavo Rodríguez poderán gozar tamén da gastronomía xa que contarán con porco ao espeto e un polbeiro.

O pavillón Gustavo Rodríguez será o escenario desta Final 4 Cadete na que competirán o A.D. Carballal , o Deportivo Balonmán Chapela, o Asmubal Meaño, e o Club de Balonmán Porriño na categoría feminina, e os Club Balonmán Tui, o Club Balonmán Lalín, o Balonmán Cangas, e o Club Balonmán Culleredo na masculina.


O sábado pola mañá xogaranse as semifinais femininas: ás 10.30 h Deportivo Balonmán Chapela – Asmubal Meaño, ás 12.30 h A.D. Carballal – Club de Balonmán Porriño, e pola tarde as masculinas: ás 17.00 h Club Balonmán Lalín – Club Balonmán Culleredo, e ás 19.00 h Club Balonmán Tui e o Balonmán Cangas.


O domingo ás 16.30 h xogarase a final feminina e ás 18.30 h a final masculina. Os equipos gañadores, tanto feminino coma masculino, clasificaranse para acudir ao Campionato de España. Esta fin de semana entregaranse ademais en Tui os galardóns de Campións de Liga.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES