viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaO V Trofeo Ciclocrós Avanza Concello do Porriño celébrase este sábado

O V Trofeo Ciclocrós Avanza Concello do Porriño celébrase este sábado

Será a partir das 13.00 horas, no campo de fútbol de Chenlo. A inscrición continúa aberta e agárdanse preto de 300 inscritos

O Porriño volverá ser epicentro do ciclocrós galego esta fin de semana da man da Asociación Deportiva Avanza. O campo de fútbol de Chenlo acollerá a quinta edición do Trofeo Ciclocrós Avanza Concello do Porriño, organizado polo club porriñés e o Concello do Porriño como principal patrocinador.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, presentaron esta mañá o evento deportivo acompañados polo presidente da AD Avanza, David García; o secretario e a tesoureira da entidade, Jesús Ángel Mira e Lourdes Figueroa, respectivamente e o seleccionador, José Alberto del Río, representando á Federación Galega de Ciclismo.
As carreiras comezarán ás 13.00 horas coa proba de promoción, non competitiva, na que participarán ciclistas de 12 a 13 anos.
De seguido rodarán as 15 categorías ao longo dunha xornada na que concorrerán figuras locais do ciclismo, como Uxía Soto, Aroa Otero, Laura Mira e Marta Estévez, da canteira do Avanza e actualmente no GD Supermercados Froiz, o líder da Copa Junior, André Martínez, e outras referentes do ciclocrós galego como Irene Trabazo ou Lorena Patiño, do XSM Marín.
Este ano estréase localización. O escenario será o campo de fútbol de Chenlo e a súa contorna, onde se habilitará un circuíto de 2,9 quilómetros. A proba é a sétima puntuable para a Copa de Galicia.
O alcalde agradeceu á AD Avanza “o moito que fan polo deporte no Porriño, tanto na súa escola de ciclismo como impulsando no noso pobo eventos deportivos de gran nivel como este, que estou seguro será un gran espectáculo para participantes e espectadores”. O rexedor salientou que o club porriñés “está crecendo como club e moitos nenos e nenas do Porriño crecen como deportistas con el, por iso contarán sempre co noso apoio”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES