O Concello de Ponteareas continúa traballando no desenvolvemento do solo industrial da Lomba. No marco dos traballos de elaboración do proxecto de reparcelación do ámbito urbanizable industrial IND-01 A Lomba, durante os días 15, 16 e 17 de xuño estanse a realizar medicións sobre o terreo das parcelas incluídas no sector.
Para levar a cabo esta actuación, o Concello convocou aos propietarios e propietarias das fincas co obxectivo de medir in situ para coñecer a superficie real de cada parcela, un trámite fundamental para avanzar na redacción do proxecto de reparcelación.
A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, explica que “esta fase é especialmente importante porque permite contrastar a realidade física das parcelas coa información que figura en documentos como o Catastro ou as escrituras, que en moitos casos non reflicten con exactitude as dimensións reais das fincas”.
A edil sinala que “coñecer con precisión a superficie de cada parcela é imprescindible para determinar posteriormente o aproveitamento urbanístico que lle corresponde a cada propietario dentro do proceso de reparcelación e garantir así a máxima seguridade xurídica e transparencia”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destaca que “seguimos avanzando nun proxecto estratéxico para o futuro económico do municipio. Cada paso que damos achega un pouco máis a solución definitiva a unha situación que levaba anos bloqueada e que agora está a encamiñarse grazas ao traballo técnico e á colaboración dos propietarios”.
A rexedora lembra que recentemente o Concello adxudicou a redacción dos proxectos de reparcelación e urbanización do sector por máis de 99.000 euros, unha actuación que permitirá desenvolver un ámbito industrial chamado a xerar novas oportunidades de investimento, actividade económica e creación de emprego.
Os traballos de medición forman parte do proceso técnico necesario para continuar coa tramitación urbanística e avanzar na futura ordenación dun espazo considerado clave para o desenvolvemento empresarial de Ponteareas.

