O Concello do Porriño será o lugar de peche da X Challenge As Rías Baixas 2026, unha das competicións máis destacadas do calendario ciclista galego, que se disputará os días 20 e 21 de xuño e que volverá percorrer os municipios de Mos,
Ponteareas e O Porriño, consolidando a comarca como un territorio de referencia para a práctica deste deporte.
A competición está organizada polo Club Ciclista Máster da Louriña e está reservada para as categorías Máster 30, Máster 40, Máster 50, Máster 60 e Júnior, cun límite máximo de 200 participantes federados.
A Challenge desenvolverase en tres etapas: a primeira delas disputarase en Mos na mañá do sábado 20 de xuño, cun percorrido en liña de preto de 79 quilómetros de competición e un desnivel acumulado de 800 metros.
A segunda etapa terá lugar xusto despois, arredor das 17 horas en Ponteareas: consiste nunha proba contrarreloxo individual de 7,3 quilómetros que servirá para pechar a primeira xornada deste desafío.
Para finalizar a Challenge, o domingo 21 terá lugar o Gran Premio do Porriño, unha etapa en liña de 85 quilómetros e preto de 1.000 metros de desnivel acumulado, que terá saída neutralizada na Avenida Domingo Bueno e meta no municipio porriñés. O percorrido desta última etapa atravesará diferentes puntos emblemáticos da contorna, convertendo as estradas da comarca nun gran escaparate para o deporte e para a promoción do territorio.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor a colaboración institucional que fai posible a celebración da Challenge: “Que Mos, Ponteareas e O Porriño sumemos esforzos arredor dunha cita desta magnitude demostra a importancia que lle damos ao deporte como ferramenta de promoción, convivencia e dinamización do territorio. O ciclismo forma parte da identidade desta comarca e seguiremos apoiando eventos que contribúan a fortalecela”.
Durante a presentación da proba, o presidente do Club Ciclista Máster da Louriña, Juan José Álvarez Cerdeira, agradeceu a implicación dos tres concellos e das entidades colaboradoras: “É unha enorme satisfacción volver contar co apoio institucional necesario para sacar adiante esta competición. Traballamos durante todo o ano para ofrecer unha proba atractiva e segura e confiamos en que esta décima edición volva ser un éxito deportivo e organizativo”.
Pola súa banda, o concelleiro e teniente da alcaldesa de Mos, Camilo Grandal, destacou que “é unha satisfacción volver formar parte dunha competición destas características, que permite mostrar o potencial deportivo do noso territorio e achegar o ciclismo á veciñanza. Desde Mos seguiremos apoiando todas aquelas iniciativas que fomenten o deporte e os hábitos de vida saudables”.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 17 de xuño ás 23:59 horas, admitíndose inscricións fóra de prazo ata o 18 de xuño ás 15:00 horas co recargo establecido pola normativa da Federación Galega de Ciclismo.

