O pleno municipal de Ponteareas aproba os orzamentos para o ano 2024 cos votos a favor do tripartito: Partido Popular, Alternativa Ciudadana de Ponteareas e Independentes de Ponteareas. Unhas contas que, segundo apuntan dende a administración local, “permiten avanzar na xestión municipal logo dun 2023 cos orzametnos prorrogados de 2022”.
As contas achéganse a 21 millóns de euros, cun superávit de 1,5 millóns de euros. Esta parte do orzamento irá destianda a “sanear as débedas do anterior gobierno”, apunta o goberno municipal.
O concelleiro de Facenda, Francisco Represas, defendeu as principais liñas de actuación deste orzamento “que se presenta en tempo e en forma para que entren xa en vigor no 2024”. Destacou “o gasto público que irá destinado a melloras nos servizos sociais, o desenvolvemento da infraestrutura verde, un novo convenio para o servizo de emerxencias e extinción de incendios así como a promoción do patrimonio histórico e o apoio ás actividades deportivas e culturais”. Do mesmo xeito, Represas salientou que o orzamento contempla ” a Residencia de Artistas e o centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Coworking así como o reforzo do servizo tecnolóxico cun aumento do investimento do 25%”.
Voto en contra da oposición
As contas que presentou o tripartito de Ponteareas non convenceu a oposición. Nin ao Bloque Nacionalista Galego, que antes lideraba o bipartito formado co Partido Socialista nin a Ponteareas en Común.
O BNG critica que “falta transparencia e diálogo” e que “viven das rentas do anterior goberno municipal”. Pola súa banda, o PSOE lamentou que “contan cun informe desfavorable de intervención” e que “tiveran que retificar a partida á asociación que coida da saúde mental, Avelaíña”.
O voceiro de Ponteareas en Común, Manoel Ucha, quen interveu de forma telemática no pleno explicou que o seu grupo vota en contra porque “as contas non responden as necesidades de Ponteareas” e porque “votamos en falta políticas en materias de vivenda, entre outras”.
Podes escoitar a peza do informativo sobre os orzamentos aquí:

