O Concello de Mos, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), anima á cidadanía a participar no cuestionario habilitado para avanzar na elaboración do V Plan de Igualdade municipal.
A iniciativa busca contar coa participación da veciñanza, coñecer as súas opinións e recoller propostas que permitan identificar necesidades e establecer as prioridades de actuación do novo plan. O obxectivo é que este documento responda á realidade do municipio e ás demandas das persoas que viven nel.
A participación realizarase a través dun cuestionario anónimo e confidencial, polo que as persoas participantes poderán expresar libremente as súas opinións e achegas, sen facilitar a súa identidade.
A campaña de difusión toma como referencia a imaxe do 25N, cunha proposta visual arredor dunha porta aberta como símbolo dun Mos máis igualitario, inclusivo e libre de discriminacións.
As persoas interesadas en participar poden acceder ao cuestionario a través da páxina web municipal (www.mos.es), onde xa está dispoñible para a súa consulta e realización.

