HomeNewsActualidadeO GDR Terra e Auga aproba 34 proxectos na convocatoria 2026 da...

O GDR Terra e Auga aproba 34 proxectos na convocatoria 2026 da Intervención Leader

O GDR Terra e Auga vén de completar a proposta de proxectos subvencionados no marco da convocatoria 2026 da Intervención Leader, cun total de 34 iniciativas seleccionadas que supoñen un investimento global de 2.844.324,77 euros e unha axuda pública Leader de 1.058.969,13 euros.

Segundo explican dende o Grupo de Desenvolvemento “a convocatoria partía dunha elevada demanda por parte do territorio, cun total de 58 solicitudes de axuda presentadas, que no seu conxunto supoñían un investimento previsto de 5.142.144,40 euros”. Co obxectivo de favorecer unha distribución máis ampla dos recursos dispoñibles e permitir atender un maior número de iniciativas, o GDR Terra e Auga estableceu no marco da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa Reverdecendo un límite máximo de 100.000 euros de axuda por proxecto.

18 proxectos produtivos e 16 iniciativas de carácter non produtivo

Do total de proxectos seleccionados, 18 son produtivos, cun investimento asociado de 2.039.941,48 euros e unha axuda Leader de 707.736,81 euros.

Estas iniciativas están promovidas principalmente por pequenas e medianas empresas e persoas autónomas. En concreto, os proxectos produtivos corresponden a 10 PEME, 7 persoas autónomas e 1 cooperativa.

Entre os sectores de actividade dos proxectos produtivos atópanse os servizos sociais á poboación, turismo, centros de formación, produción audiovisual, xestión de residuos, industria, comercialización e produción de produto local, mecánica e automóbil, transición enerxética e construción.

Pola súa banda, foron seleccionados 8 proxectos non produtivos privados, cun investimento de 281.890,77 euros e unha axuda pública de 175.616,16 euros. Estas iniciativas están promovidas por 4 asociacións culturais, 2 comunidades de montes, 1 entidade relixiosa e 1 asociación de acción social.

Os proxectos non produtivos privados inciden en ámbitos como o equipamento de asociacións culturais, a accesibilidade para persoas con discapacidade, a dixitalización, a transición enerxética e a conservación e posta en valor da biodiversidade, da paisaxe e do patrimonio.

Completa a convocatoria o apoio a 8 proxectos non produtivos públicos, promovidos por concellos, cun investimento de 522.492,52 euros e unha axuda Leader de 175.616,16 euros. As actuacións céntranse, entre outros ámbitos, na conservación e posta en valor do patrimonio, a transición enerxética, os centros de formación á cidadanía e a promoción e conservación da cultura local.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS