O Concello de Ponteareas vén de sacar a licitación as obras de renovación integral do campo de fútbol do Rabel, situado no lugar da Porteliña, na parroquia de Santiago de Oliveira, cun orzamento de 409.998,57 euros (IVE incluído).
Esta actuación suporá unha transformación das instalacións, que actualmente contan cun terreo de xogo de terra compactada que presenta un considerable deterioro, para convertelas nun espazo moderno, seguro e funcional para a práctica deportiva.
O investimento total de preto de 410.000 euros finánciase a través dunha subvención de 185.000 euros da Deputación de Pontevedra, concedida no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, mentres que o Concello de Ponteareas achegará os 224.998,57 euros restantes con fondos propios.
A alcaldesa, Nava Castro, destacou que “con esta actuación damos un paso importante para transformar o campo de fútbol do Rabel e dotar a Santiago de Oliveira dunhas instalacións modernas e adaptadas ás necesidades actuáis”. “Queremos que a nosa veciñanza, especialmente a mocidade, dispoña de espazos axeitados para practicar deporte e gozar dunhas instalacións de calidade», engadiu a rexedora.
Pola súa banda, o primeiro tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, incidiu en que “desde o Goberno municipal temos claro que a mellora das dotacións nas parroquias é unha prioridade para favorecer o deporte e os hábitos de vida saudables en todo o termo municipal. Por outra banda, González subliñou que estamos “ante una obra moi necesaria que agora se vai facer relaidade”.
O proxecto
O proxecto contempla a instalación dun novo terreo de xogo de céspede artificial dunhas dimensións aproximadas de 105 metros de longo por 64 de ancho. Contará con sinalización regulamentaria tanto para fútbol 11 como para dous campos transversais de fútbol 7, o que permitirá multiplicar as posibilidades de uso do recinto.
Ademais da nova superficie, os traballos inclúen a preparación e nivelación previa do terreo, a instalación dunha nova rede de drenaxe e recollida de augas pluviais, así como dun sistema de rega automática, a renovación das proteccións e varandas perimetrais e a construción dunha beirarrúa arredor do campo, a dotación de novo equipamento deportivo, e a execución das canalizacións e cimentacións necesarias para facilitar unha futura mellora do sistema de iluminación.
Prazos de licitación e execución
O procedemento de contratación xa está publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público mediante procedemento aberto simplificado. As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas exclusivamente por medios electrónicos ata as 23:59 horas do vindeiro 9 de decembro de 2026.
Unha vez formalizado o contrato e asinada a acta de comprobación do replanteo, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de execución de catro meses para rematar os traballos.
Con esta nova licitación, o Concello de Ponteareas continúa avanzando no seu plan de modernización dos equipamentos públicos municipais para ofrecer servizos máis accesibles e funcionais á veciñanza.

