O Concello de Salvaterra de Miño vén de inaugurar unha canle de Whatsapp co obxectivo de “facilitar e axilizar a comunicación coa veciñanza e ofrecer información de interese de forma rápida, directa e accesible”.
A través desta nova canle, as veciñas e veciños poderán recibir directamente no seu teléfono móbil avisos urxentes, alertas e incidencias, información de interese municipal e comunicacións importantes relacionadas coa actividade e cos servizos do Concello.
O iniciativa nace como unha nova vía de comunicación que permitirá ao Concello trasladar información de maneira inmediata, especialmente naquelas situacións nas que sexa necesario que a cidadanía estea informada con rapidez, como avisos por fenómenos meteorolóxicos, incidencias, cortes de tráfico ou de servizos, cambios ou actuacións que afecten ao municipio, así como outras situacións de interese público.
Ademais das comunicacións de carácter urxente, a canle servirá tamén para compartir actividades, eventos, campañas, programas municipais e outra información de interese.
A incorporación á canle é gratuíta e voluntaria. Para seguila, as veciñas e veciños deberán acceder á Canle de WhatsApp do Concello de Salvaterra de Miño e premer na opción “Seguir”. Unha vez subscritos, recibirán as novas actualizacións directamente en WhatsApp, sen necesidade de realizar ningún trámite adicional.
Para incorporarse, pode facerse a través desta ligazón.

