A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez; e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, veñen de reunirse co fin de avaliar os proxectos de atención a maiores do municipio, así como coñecer a parcela proposta pola administración local para a construción da primeira residencia de maiores, que se enmarca no proxecto da Xunta de Galicia.
A futura residencia de Baiona contará con 30 prazas residenciais e será o centro satélite de outro previsto para o Concello de Porriño, que terá máis de 100 prazas. Ambos centros enmárcanse no proxecto de residencias da Xunta para crear 25 novos centros residenciais nos concellos onde non existe este servizo.
Nestes momentos, os municipios seleccionados están adheridos ao proxecto e contan cun ano de prazo, ata outubro do 2027, para facer efectiva a cesión da parcela. Con todo, o obxectivo de Baiona é “axilizar os prazos” xa que a tramitación das obras comezará a medida que cada muncipio vaia completando a cesión.
Así, o alcalde trasladou á conselleira que o pleno municipal aprobou xa o uso dunha parcela ubicada nas Escubichas, en Santa Cristina da Ramallosa. A superficie é de máis de 3.300 metros cadrados e conta con acceso dende dúas rúas.

