Dez actividades conforman a programación da Biblioteca Municipal de Tui para o mes de outubro baixo o título de “Outubro: Mes da Biblioteca”. Ademais, o municipio tamén conmemora no mesmo marco o Día das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro.
O lema deste ano, “Sen profesionais, non hai bibliotecas“, ten como obxectivo “destacar as persoas que fan que as bibliotecas sexan moito máis que unha simple colección de recursos, estantes e espazos”.
Destaca na programación tres actividades de contacontos para o público infantil: “Que contan as arbores?” con Maquinarias Teatro, “Colorin, colorote” con Charo Pita e “A boneca de trapo” con Aida Cobas. Tamén terá lugar a presentación de dous libros, da autoría de Fernando Martínez Freiría e Inma López e da primeira editorial creada en Tui, “Móleculas”. Durante o mes de outubro celebraranse dúas exposicións: a de fotografías sobre a catedral de Tui “Na penumbra do tempo” de Gus Abreu e unha mostra bibliográfica sobre o libro “Alicia no país das marabillas” de Lewis Carrol promovida por Fátima María García Doval, unha das maiores coleccionistas desta obra literaria. Amais terá lugar o obradoiro “Debuxar as letras” con Alba Farto e comezará unha nova temporada do Club de Lectura María Tydeska.
Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, esta nova proposta de actividades da Biblioteca Municipal é “unha excelente oportunidade para achegarse a este centro bibliotecario que traballa cada día para ser un espazo de proximidade coa cidadanía, un ámbito de socialización e intercambio de ideas, que procura facilitar o acceso a información e o coñecemento a todos e todas se exclusión algunha, cun acceso libre, gratuíto e superador das fendas sociais”.


