O Concello de Ponteareas vén de anunciar unha partida orzamentaria de 200.000 euros destinada a subvencións para a promoción e o apoio á actividade deportiva, unha iniciativa coa que buscan “respaldar o traballo dos clubs, entidades e deportistas individuais do municipio”. A convocatoria, impulsada pola Concellería de Deportes, beneficia nesta edición a un total de 91 clubs, entidades e deportistas.
A alcaldesa, Nava Castro, destacou que “o deporte é moito máis que competición. É saúde, educación, convivencia, esforzo e valores. Por iso, desde este goberno municipal temos claro que apoiar o deporte é investir no presente e no futuro de Ponteareas”. A rexedora puxo especialmente en valor o labor que desenvolven os clubs e as súas directivas, así como o compromiso das familias que acompañan diariamente os seus fillos e fillas nos adestramentos e competicións.
“Queremos que ningún talento quede atrás por falta de oportunidades e que os nosos clubs conten co respaldo institucional que merecen. Ponteareas ten unha enorme canteira deportiva e debemos seguir acompañándoa e fortalecéndoa”, sinalou Castro.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Nico Rodríguez, puxo en valor o rigor e o alcance desta convocatoria, apuntando que “deseñamos unhas bases baseadas en criterios técnicos, obxectivos e transparentes para que as axudas chegasen de maneira xusta a todas as disciplinas, desde o deporte base ata os nosos deportistas individuais e do motor”. Este respaldo económico “permite aliviar os gastos correntes da tempada 2025/2026 e seguir consolidando Ponteareas como unha vila activa, integradora e orgullosa do seu tecido deportivo”, destacou o concelleiro.
Apoio a todas as disciplinas deportivas
As axudas distribúense en tres liñas deseñadas para atender as distintas realidades do deporte ponteareán. No caso da liña 1 abrangue a clubs e entidades deportivas. Concentra o groso da partida e beneficia a 25 agrupacións locais de disciplinas como fútbol, baloncesto, natación, ciclismo, patinaxe, billar, bádminton, tenis, xadrez, hóckey, petanca, tiro con arco ou artes marciais.
No caso da liña 2 vai destinada a deportistas individuais. Esta liña vai destinada a respaldar a traxectoria e a participación en competicións de 49 deportistas do municipio a título individual. Finalmente, a liña 3 vai dirixida a deportistas de motor. Apoia de forma específica a 17 pilotos e deportistas vinculados ao automobilismo e motociclismo. Estas axudas permiten financiar gastos directamente relacionados coa actividade deportiva, como licenzas federativas, desprazamentos, aloxamento, arbitraxes, cotas federativas, persoal técnico, adestradores e alugueiro de instalacións.

