HomeNewsActualidadeArbo inviste máis de 120.000 euros na mellora da accesibilidade e seguridade...

Arbo inviste máis de 120.000 euros na mellora da accesibilidade e seguridade de Cabeiras

O Concello de Arbo vén de anunciar un novo avance na modernización das súas infrestruturas locais coa tramitación do Proxecto de Mellora de Vial en Cabeiras (Fase I), unha intervención estrutural destinada a transformar de “maneira radical” a contorna do campo da festa no núcleo de A Igrexa, pertencente á parroquia de San Sebastián de Cabeiras.

Na actualidade, o expediente atópase en fase de contratación a través da Plataforma de Contratación do Estado, polo que as empresas interesadas xa poden formalizar as súas ofertas para materializar esta anhelada obra.

O proxecto estrutúrase arredor dun investimento total de 120.375,75 euros (IVE incluído), unha achega económica que conta co financiamento íntegro da Deputación de Pontevedra a través da Liña 1 do Plan Máis Provincia 2026. Sobre unha superficie total de actuación no corazón do núcleo de A Igrexa e do torreiro de Festas, a intervención abordará unha remodelación integral do viario para dotalo de estándares óptimos de calidade, servizos e seguridade, adaptándose ás necesidades reais de mobilidade do século XXI nunha contorna rural de alta densidade veciñal.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, puxo en valor a transcendencia estratéxica deste proxecto para o conxunto do municipio asegurando que “este proxecto non é só unha obra de pavimentación ou ampliación de estrada; é unha actuación de xustiza social e territorial coa veciñanza de Cabeiras. Durante demasiado tempo sufrimos un vial estreito, obsoleto e perigoso na contorna do campo da festa de A Igrexa, un punto neurálxico para a nosa xente.” 

O obxectivo desta actuación é a consecución dun espazo público máis seguro, cohesionado e accesible, articulado en dous grandes eixos de intervención. Por unha banda, búscase garantir unha máxima seguridade e mobilidade mediante a rigorosa ampliación e acondicionamento dun viario situado ao sur do campo da festa que, ata o de agora, presentaba graves deficiencias de trazado, un ancho insuficiente e un elevado nivel de perigosidade para a circulación mixta. Con esta remodelación elimínanse os puntos negros, propiciando unha coexistencia segura, ordenada e fluída entre o tránsito peonil e o rodado.

Doutra banda, a intervención incide directamente na mellora do acceso aos servizos básicos, facilitando uns desprazamentos cómodos, rápidos e seguros cara aos centros de saúde, centros educativos e dependencias administrativas de referencia, o que se traduce nun incremento directo da calidade de vida cotiá para os residentes.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS