HomeNewsActualidadeMos reclama revisar o trazado da liña eléctrica de 220 kV e...

Mos reclama revisar o trazado da liña eléctrica de 220 kV e anuncia alegacións ao proxecto

O Concello de Mos vai presentar alegacións ao proxecto da nova liña de transporte eléctrico de 220 kV que atravesará os municipios de O Porriño, Mos e Vigo, despois de que este luns se publicase no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se abre o período de información pública.

Coincidindo coa publicación do anuncio, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantivo unha reunión co delegado rexional Noroeste de Redeia, Fidel Rodríguez, e a directora de proxectos Sonia Hernán; co director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, e a delegada territorial de Pontevedra, Beatriz López del Olmo, en representación da Xunta de Galicia. No encontro participaron tamén os concelleiros e concelleiras das parroquias afectadas e técnicos municipais.

A reunión serviu para trasladar aos responsables do proxecto as principais preocupacións do Concello e para abordar posibles alternativas ao trazado actualmente previsto en Mos.

A alcaldesa, Nidia Arévalo, defendeu que o Concello de Mos “non pretende dificultar a chegada da infraestrutura eléctrica que precisa a actividade industrial”, pero advertiu de que “o desenvolvemento da rede de transporte debe compatibilizarse coa protección das persoas e do territorio municipal”. “Non queremos ser un problema para a enerxía que necesita a industria, pero Mos tamén ten que defender o seu territorio, as súas parroquias e as persoas afectadas polo proxecto”, sinalou.

Unha das principais propostas trasladadas polo Concello de Mos é estudar a utilización de corredores e infraestruturas viarias xa existentes, co obxectivo de reducir novas afeccións sobre o territorio. 

O Concello tamén puxo sobre a mesa diferentes afeccións concretas detectadas polos seus servizos técnicos, entre elas as relacionadas con vivendas e construcións existentes ou con licenzas concedidas, así como con montes comunais, equipamentos e actuacións previstas en distintas parroquias.

Por parte de Rede Eléctrica os seus representantes manifestaron a disposición a estudar tecnicamente as alternativas que formule o Concello de Mos durante o período de información pública. Deste xeito, a reunión permitiu establecer unha vía de traballo entre os técnicos municipais e os responsables de Rede Eléctrica para revisar os puntos considerados máis conflitivos e analizar a viabilidade das propostas que se incorporen ás alegacións.

O proxecto sometido a información pública contempla unha liña de transporte de 220 kV e dobre circuíto, cunha lonxitude total de 21,433 quilómetros. A parte aérea suma 8,473 quilómetros e a parte soterrada 12,970 quilómetros. O trazado ten a súa orixe na futura subestación Bateas, en Vigo, e remata na liña Atios-Pazos de Borbén, en O Porriño. 

No termo municipal de Mos están previstos 3,996 quilómetros de trazado soterrado, mentres que o tramo aéreo entre Mos e Vigo ten unha lonxitude total de 6,574 quilómetros. 

A Xunta establece un prazo de 30 días hábiles, contados desde o día seguinte á publicación do anuncio no DOG, para consultar a documentación e presentar alegacións. 

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS