A aula da UNED do Porriño encara o inicio do curso académico coa apertura da matrícula para os seus estudos regulados e o lanzamento dunha variada programación de cursos de extensión universitaria. A oferta combina a formación universitaria tradicional coa aprendizaxe práctica en disciplinas que van desde a lingua de signos ou a gastronomía ata a confección de moda e o reforzo educativo.
No eido dos estudos superiores, a sede porriñesa mantén a docencia presencial e o apoio titorial en tres titulacións con gran demanda: os graos en Socioloxía, Traballo Social e Dereito. As persoas interesadas en cursar estas carreiras ou os graos combinados da universidade teñen ata o vindeiro 21 de outubro para formalizar tanto a admisión como a matrícula, un trámite que se realiza de xeito telemático a través do portal web da UNED.
“A Aula afianza a súa posición como referente de apoio académico e eixe de dinamización cultural, axustándose ás demandas do alumnado e do contorno local”, asegura o alcalde Alejandro Lorenzo.
Xunto cos graos, a UNED do Porriño ofertará a partir deste mes de setembro diversos cursos de extensión universitaria orientados á obtención de diplomas acreditativos e recoñecemento de créditos ECTS. Todas as actividades requiren inscrición previa por internet.
A programación arrinca o 14 de setembro cun curso presencial e online de Lingua de signos para a atención ao público, que se impartirá os luns pola tarde no Multicentro de Torneiros. En modalidade exclusivamente virtual, o centro ofrecerá do 22 de setembro ao 7 de outubro a acción formativa Prevención integral en drogodependencias, seguida en outubro polo curso de gastronomía Da tradición á vangarda: técnica, sabor e creatividade no prato, que terá lugar os luns e mércores en horario de tarde.
A oferta presencial no Multicentro de Torneiros completaranse con dúas propostas destacadas. Por un lado, a partir do 7 de outubro impartirase o obradoiro Iniciación ao patronaxe e confección de pantalóns, organizado en colaboración coa Escola Profesional de Deseño de Moda Goymar. Por outro lado, o 13 de outubro dará comezo o curso de Reforzo para o exame da ESO para adultos, unha actividade de balde para a veciñanza do Porriño que se estenderá ata o mes de xuño con clases de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas, abranguendo os ámbitos social, científico-tecnolóxico e de comunicación.
A maiores da actividade docente, a aula conta co servizo do Centro de Orientación e Emprego (COIE). A través desta ferramenta, tanto o alumnado como calquera persoa interesada poden recibir asesoramento personalizado para planificar os seus estudos, mellorar o seu perfil profesional ou converter un proxecto de emprendemento nunha empresa real. As consultas pódense realizar de forma presencial no Porriño ou por vía telemática, solicitando cita previa no correo jsieiro@pontevedra.uned.es.

