O noso estudo móbil montado no flamante furgón Peugeot Boxer desprazouse ata Piñeiro de Areas, en Covelo, para realizar un programa especial desde Artealdea, o retiro de artistas que durante nove días de agosto converte este recuncho do Condado Paradanta nun espazo de encontro, creación e intercambio cultural.
A radio instalouse na propia entrada do recinto, no noso estudo de madeira e follalata, levado alí polo noso compañeiro Gabino Porto, que, naquel lugar, case podía ser o corazón do home de follalata do Mago de Oz. Durante más de duas horas e media a radio foi lugar de maxia e converteurse en punto de encontro para artistas, músicos, creadores e visitantes. Sen grandes producións nin guións pechados: as persoas que participaron no programa foron achegándose ao micrófono para compartir as súas experiencias, os seus proxectos e a súa maneira de entender a arte.

O programa pretende afondar non só no que sucede cara ao exterior, senón tamén no que representa Artealdea para as persoas que participan neste particular universo creativo. Unha mirada ao proceso de creación, á convivencia e ás relacións que se establecen durante estes días.
Detrás de Artealdea están Alberto García Tejedor, Gigi, e Cristina Maniglia Peraso, Francis. Gigi, procedente do País Vasco, desenvolveu unha ampla traxectoria vinculada ao ballet, o cine, o teatro, a publicidade e as relacións públicas. Francis é cantante lírica, directora de escena e deseñadora de iluminación. Xuntos puxeron en marcha un proxecto que busca crear un espazo no que diferentes disciplinas artísticas poidan convivir e dialogar.
Ao longo deste programa especial pasan polo noso estudo diferentes voces vinculadas a Artealdea. Artistas e colectivos que explican os seus traballos, as súas inquietudes e o significado de formar parte desta experiencia.
O programa que se emitiu na rede de emisoras de SI RADIO en Galicia pode agora escoitarse con calma e descubrir as historias que se agochan detrás dos escenarios, das actuacións e das actividades. Un percorrido sonoro por Artealdea e polas persoas que lle dan vida.
Escoita aquí o programa especial realizado desde Artealdea.
PARTE 1
PARTE 2
PARTE 3
PARTE 4
PARTE 5
PARTE 6
PARTE 7
Galería









