HomeConcellos +A CanizaO Mirador de Montouto recibe a acreditación Starlight como Parque Estelar

O Mirador de Montouto recibe a acreditación Starlight como Parque Estelar

O Concello da Caniza vén de acadar a acreditación Starlight para o Mirador de Montouto como parque estelar. Así o comunicou o alcalde, Luis Piña, tras recibir esta mañá o Certificado da Fundación. Con esta incorporación, a rede internacional de Parques Estelares Starlight conta xa con 23 espazos acreditados en todo o mundo, 15 deles en España. A Caniza incorpora así a Galicia, por primeira vez, á categoría de Parque Estelar.

“A acreditación supón moito máis que dispoñer dun lugar desde o que observar as estrelas” asegura o rexedor. A Fundación Starlight dispón de diferentes modalidades de acreditación adaptadas ás características e obxectivos de cada territorio ou espazo. A categoría de Parque Estelar está dirixida a espazos que funcionan como auténticos “miradoiros abertos ao firmamento”, onde se poden desenvolver actividades de observación, didácticas, culturais ou lúdicas relacionadas con fenómenos astronómicos como eclipses, choivas de estrelas, aliñacións planetarias ou o paso de cometas.

A obtención desta acreditación culmina un procedemento iniciado polo Concello da Caniza para poñer en valor o Mirador de Montouto como infraestrutura vinculada á observación do ceo nocturno e ao desenvolvemento do astroturismo.

En palabras do alcalde, Luis Piña “a acreditación recibida hoxe converte ao noso ceo nocturno nun recurso que pode integrarse dentro da oferta cultural, científica e turística da Caniza”.  “O recoñecemento permite desenvolver arredor deste espazo actividades de observación do firmamento, divulgación astronómica e educación ambiental, ademais de potenciar a súa incorporación a propostas relacionadas co astroturismo”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS