HomeNewsActualidadeO IES Pedra da Auga contará cunha nova cuberta grazas a un...

O IES Pedra da Auga contará cunha nova cuberta grazas a un investimento de 380.000 euros

O Xefe Territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, realizou unha visita institucional a Ponteareas para supervisar sobre o terreo o inicio das obras de reforma integral da cuberta do IES Plurilingüe Pedra da Auga. Durante o percorrido polas instalacións, o responsable autonómico estivo acompañado pola alcaldesa, Nava Castro, o concelleiro de Ensino, Ricardo González, e a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández.

Esta importante actuación, que supón un investimento por parte da Xunta de Galicia de 380.000 euros, consistirá na substitución completa de 1.700 metros cadrados de tellado así como o cambio dalgunhas baixantes e canaletas de recollida de augas.  Os traballos en marcha permitirán “solucionar un problema histórico das instalacións“, corrixindo de forma definitiva as deficiencias da edificación e mellorando de xeito significativo as condicións do centro educativo. En concreto, a renovación total da cuberta contribuirá a incrementar a eficiencia enerxética do edificio, optimizar o seu illamento térmico e evitar futuras filtracións e humidades. O obxectivo final é ofrecer “unhas instalacións moito máis confortables e seguras para o alumnado, o profesorado e o persoal do centro”.

O concelleiro de Ensino, Ricardo González, salientou o traballo de coordinación desenvolvido entre o Concello e a Consellería de Educación para facer realidade esta actuación. Segundo explicou González, “a renovación integral da cuberta permitirá resolver definitivamente un problema importante do centro e ofrecerá ao alumnado e ao profesorado unhas instalacións máis seguras, eficientes e confortables”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que o inicio desta actuación “supón dar resposta a unha das principais necesidades do IES Plurilingüe Pedra da Auga, unha demanda trasladada desde hai tempo pola comunidade educativa”. A rexedora agradeceu “a sensibilidade da Consellería de Educación para atender esta petición” e puxo en valor a colaboración institucional “como ferramenta para impulsar investimentos que melloran os servizos públicos e a calidade das infraestruturas educativas do municipio”.

Durante a visita ao centro, o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, confirmou tamén que a Consellería de Educación aprobou a ampliación do cadro de persoal docente do IES Plurilingüe Pedra da Auga con dúas novas incorporacións. Esta medida dá resposta “á solicitude trasladada polo propio centro educativo e permitirá reforzar a atención ao alumnado de cara ao vindeiro curso” asegurou o dirixente.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS