O escenario político de Santiago de Compostela móvese de cara aos comicios de 2027. Os catro concelleiros non adscritos, expulsados do PSOE hai dous anos, confirmaron esta mañá a súa intención de concorrer ás próximas eleccións municipais cunha candidatura propia liderada por Mercedes Rosón.
A presentación tivo lugar no Hotel Virxe da Cerca, o mesmo lugar onde Rosón anunciou a súa renuncia hai doce anos. Baixo o lema “Somos máis de Santiago que de partido”, a exedil socialista explicou que dan este “paso adiante” para ofrecer unha alternativa progresista e rigorosa ante o que consideran unha xestión municipal “deficiente” por parte do goberno de Goretti Sanmartín e unha oposición “desleal” protagonizada polo PP e polo seu antigo partido.
“Isto vai de que Mercedes sexa alcaldesa”
Durante a comparecencia, os edís —Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Mila Castro e Marta Álvarez— evitaron revelar o nome da marca electoral ou a fórmula xurídica que utilizarán. Con todo, foron contundentes respecto ao obxectivo final da formación: “Isto vai de que Mercedes Rosón sexa alcaldesa”, afirmou Gonzalo Muíños.
Sobre posibles alianzas, os integrantes do grupo deixaron claro que o seu proxecto é “incuestionablemente propio”. Aínda que non pecharon a porta a pactos futuros, marcaron distancias respecto a unha candidatura conxunta con Compostela Aberta ou Sumar, e rexeitaron calquera vinculación con outras plataformas como Espazo Común.
O balance dos non adscritos
Mila Castro quixo reivindicar o papel que xogaron este mandato como edís non adscritos. Segundo sinalou, a súa responsabilidade foi determinante para sacar adiante asuntos clave para a cidade como a taxa turística, a ordenanza de mobilidade ou o desbloqueo dos orzamentos municipais, a pesar —dixo— da “mala xestión” do executivo local.
Pola súa banda, Marta Álvarez puxo en valor a experiencia e a vocación de servizo público do equipo, destacando que Rosón é a persoa máis preparada para liderar o futuro da capital galega.
A reacción de Sumar
O anuncio non tardou en xerar reaccións no espectro da esquerda. Desde Sumar Compostela, Rocío Núñez Rúa pediu que esta decisión “sirva para reforzar o espazo da esquerda” e non para fragmentalo. A formación advertiu sobre o risco de presentar máis candidaturas que compitan polo mesmo electorado nun momento no que, ao seu xuízo, o obxectivo debe ser consolidar unha maioría progresista forte.

