HomeNewsActualidadeSalceda presenta os proxectos para completar a totalidade do seu saneamento

Salceda presenta os proxectos para completar a totalidade do seu saneamento

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, e o concelleiro de axenda ecolóxica, Marcos Troncoso, están a presentar aos veciños e veciñas os proxectos para a execución da totalidade do saneamento do municipio. As reunións están a realizarse nos diferentes centros culturais e veciñais de cada unha das parroquias na compaña de María Ferreiro, técnica redactora dos proxectos, da empresa Ingenia. Ata o de agora realizáronse as presentacións das parroquias de Budiño, Parderrubias, A Picoña, Soutelo e Entenza, e nas vindeiras semanas visitarán San Xurxo e Santa María.

O Concello conta dende agora cun documento integral que recolle a totalidade de saneamento pendente en todo o municipio. Hai 612 vivendas que non contan co servizo, o que se traduce nunha necesidade de 7.613.131 € para completar o 100% da rede. No caso de Salceda de Caselas, a cobertura actual deste servizo é do 85% das vivendas, tendo en conta que se está a executar o proxecto da parroquia de Entenza e a piques de iniciárense os de O Cerquido e Soutelo.

Marcos Troncoso, concelleiro de axenda ecolóxica asegurou durante a presentación que “tal como dixemos na campaña electoral, esta é a lexislatura do saneamento, e levamos xestionado máis de 3 millóns e medio de euros en saneamento nestes tres anos”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Loli Castiñeira, está a aproveitar estas xuntanzas para “agradecer á veciñanza polas autorizacións de paso precisas por parcelas privadas para poder executar os diferentes ramais, e sen as cales sería inviable levar a cabo moitos destes tramos”. Así mesmo, quixo destacar a diferente procedencia dos fondos destinados a saneamento que “neste mandato estamos a executar proxectos en colaboración con Augas de Galicia, Confederación hidrográfica do Miño Sil e Deputación Provincial de Pontevedra. É imprescindible esta colaboración entre as diferentes administracións, que nos permite avanzar a grandes pasos na busca do obxectivo do 100% de vivendas saneadas”. O obxectivo do equipo de goberno é que no ano 2032 Salceda poida contar coa totalidade do servizo de saneamento.

A prioridade de actuacións establécese sempre en base a criterios técnicos, priorizando aqueles ramais nos que se poida atender a un maior número de vivendas co importe máis baixo, e executando sempre tramos que poidan entrar en funcionamento por ter posibilidade de execución aos tramos xa existentes.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS