HomeNewsO IES Castelao de Vigo denuncia "censura" da Xunta nun cartel das...

O IES Castelao de Vigo denuncia “censura” da Xunta nun cartel das Letras Galegas por borrar a estrela da bandeira

O profesorado acusa á Secretaría Xeral da Lingua de vulnerar a propiedade intelectual ao eliminar a simboloxía nacionalista do proxecto gañador

O profesorado do IES Castelao de Vigo denunciou publicamente o que consideran un acto de “censura” por parte da Secretaría Xeral da Lingua. O conflito xurdiu tras a modificación do cartel gañador do concurso sobre Begoña Caamaño, a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026, ao que a Xunta lle borrou a estrela da bandeira galega nunha das ilustracións.

Os docentes autores do proxecto acusan á administración autonómica de impoñer cambios sen o seu consentimento e de vulnerar os seus dereitos de propiedade intelectual. Segundo o instituto, esta alteración supón un intento de ocultar o contexto ideolóxico da escritora e xornalista viguesa.

Unha modificación sen aprobación dos autores

O equipo docente explica que, tras recibir o premio, aceptaron varias suxestións técnicas da Xunta, pero negáronse “unánimemente” a eliminar a estrela da bandeira. Consideran que este símbolo é fundamental para comprender a traxectoria vital e a dimensión política de Caamaño.

Aínda que os profesores accederon a revisar unha proposta alternativa da Secretaría, afirman que esta “nunca foi enviada” nin aprobada por eles. Porén, o traballo final difundido pola Consellería de Cultura apareceu coa bandeira modificada.

A Xunta atribúeo a un “erro de imprenta”

Ante as peticións de explicacións do centro, a Secretaría Xeral da Lingua escusou o cambio cualificándoo como parte dos “axustes establecidos” e como un “erro de imprenta”. Segundo informou o instituto vigués, a administración non xustificou por que non enviou a proposta previa nin como se resolve a posible infracción da Lei de Propiedade Intelectual.

Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén unha versión diferente. Aseguran que todos os cambios foron “consensuados” e contan coa autorización expresa tanto do equipo directivo do IES Castelao como dos docentes coordinadores do certame.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS