Martes, Abril 14, 2026
HomeNewsActualidadePonteareas busca financiación para pavimentar os viais das súas parroquias

Ponteareas busca financiación para pavimentar os viais das súas parroquias

O goberno de Ponteareas vén de presentar proxectos para optar a financiamento destinado á mellora e pavimentación de distintos viais municipais por un importe superior aos 659.000 euros.

Estas actuacións permitirán intervir en diferentes puntos das parroquias e tamén no núcleo urbano, mellorando a seguridade, a accesibilidade e a mobilidade da veciñanza.

Entre os viais incluídos nesta proposta atópanse actuacións en Canedo-Barral, As Searas (Angoares), Fozara, Bugarín, Cortellas (Padróns), Nogueira, A Encostada (Guillade), a estrada de Ganade a Moreira, Pías e Parada (Xinzo).

“Ponteareas conta cunha rede de arredor de 500 quilómetros de estradas asfaltadas, unha extensa superficie que require un mantemento constante, especialmente tras o duro inverno deste ano, que provocou un importante deterioro en numerosos tramos” aseguran dende o goberno local.

O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, destacou a relevancia destas actuacións para o día a día da veciñanza: “A mellora das estradas nas parroquias é fundamental para garantir a mobilidade, a seguridade e a conexión entre os distintos núcleos do municipio. Son actuacións moi necesarias que repercuten directamente na calidade de vida da nosa veciñanza e no desenvolvemento do rural”.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro subliñou o compromiso diario do goberno local co territorio asegurando que “traballamos cada día para devolverlle vida ao rural, unha parte moi importante de Ponteareas, mellorando servizos e infraestruturas que son esenciais para fixar poboación e ofrecer oportunidades”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS