Martes, Xaneiro 27, 2026
HomeNewsActualidadeO Celta confirma en Cela que as obras do proxecto Celta360 comezarán...

O Celta confirma en Cela que as obras do proxecto Celta360 comezarán de forma “inminente”

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantivo, xunto co seu equipo de goberno, unha nova xuntanza coa veciñanza da parroquia de Cela no marco do programa municipal Vivindo as Parroquias, unha iniciativa impulsada polo Concello de Mos para reforzar o contacto directo coa e informar de primeira man sobre proxectos estratéxicos que afectan ao territorio.

Na reunión participaron tamén representantes do Real Club Celta, en concreto o arquitecto Javier Rivas e representante de relacións institucionais do Celta Carlos Cao, que explicaron á veciñanza os motivos do atraso no inicio efectivo das obras do proxecto Celta360 no Camiño do Monte, derivados exclusivamente de trámites administrativos necesarios para garantir o cumprimento estrito da legalidade vixente.

Tanto desde o club como desde o Concello trasladouse unha mensaxe de tranquilidade, confirmando que o inicio das obras é inminente.

Durante o encontro, a alcaldesa explicou tamén que, de maneira paralela ao desenvolvemento do complexo, o Concello procederá á execución do vial correspondente á parte exterior do sistema local do Proxecto de Interese Autonómico (PIA), unha actuación clave para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria. Esta intervención completarase coa execución doutros elementos previstos no sistema local, reforzando os accesos e os servizos para a veciñanza.

Arévalo asegurou que “este proxecto supón unha transformación importante para Mos e, especialmente, para Cela. Por iso é fundamental manter informada á veciñanza, escoitar as súas inquedanzas e explicar cada paso con claridade. Vivindo as Parroquias nace precisamente con ese espírito”.

No ámbito económico, o proxecto Celta360 supón un impacto inversor sen precedentes para o municipio de Mos. No marco do Proxecto de Interese Autonómico, está prevista unha investimento global superior aos 100 millóns de euros, dos que arredor de 20 millóns de euros reverterán directamente en infraestruturas públicas, que pasarán a formar parte do patrimonio municipal ou das administracións competentes.

Entre as actuacións de maior relevancia para a veciñanza de Mos atópase a execución de novas infraestruturas de abastecemento de auga, cun investimento superior aos 3,1 millóns de euros, mellorando de forma estrutural un servizo básico esencial. O proxecto inclúe tamén un investimento superior aos 2 millóns de euros en melloras eléctricas e de conectividade, coa implantación de rede móbil de última xeración, o que suporá un salto cualitativo tanto para o funcionamento do complexo como para a calidade das comunicacións da veciñanza da contorna.

No ámbito da mobilidade e da seguridade viaria, a urbanización asociada ao proxecto supera os 7 millóns de euros, coa creación de novos viarios, glorietas, sendas peonís e ciclistas, zonas verdes públicas, aparcadoiros e solo destinado a futuros equipamentos municipais. A estas actuacións súmase a conexión directa coa AG-57, cun investimento estimado de 4 millóns de euros, promovido pola Xunta de Galicia, que permitirá reducir tempos de desprazamento e mellorar o acceso á rede viaria de alta capacidade, beneficiando tanto á veciñanza de Mos como aos usuarios da Universidade de Vigo e do tecido empresarial da contorna.

Desde o Concello de Mos destacouse que todas estas infraestruturas serán financiadas polo Real Club Celta, que garante a súa execución mediante os correspondentes avales urbanísticos, cumprindo a legalidade vixente e asegurando que o impacto do proxecto se traduza nun beneficio directo, medible e duradeiro para o municipio.

Desde o Concello e o Real Club Celta reiterouse que o proxecto Celta360 avanza conforme á planificación establecida trala aprobación definitiva do PIA, e que tódalas actuacións previstas reverterán nunha mellora directa das infraestruturas, dos servizos públicos e da calidade de vida da veciñanza.

A próxima cita de Vivindo as Parroquias está prevista para este mércores, 28 de xaneiro, a partir das 19:00 horas, no Local Social da Comunidade de Montes de Louredo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS